Javier Castiñeira destaca que o presidente da Deputación, que ao pouco de iniciado o actual mandato asegurou que o organismo provincial atendería os compromisos adquiridos por Suplusa, dixo moito máis recentemente, en sesión plenaria, que os protocolos establecidos polo organismo provincial non serven para nada. E aínda máis recentemente, na sesión plenaria celebrada no pasado mes de setembro, a deputada socialista Mayra García e a nacionalista Mónica Freire presentaron unha emenda a unha moción do PP na que pedían que se retirase un punto da proposición na que se instaba á Deputación a cumprir todos os compromisos adquiridos por Suplusa en canto a creación de parques empresarias; queda claro, por tanto, cal é a verdadeira vontade do bigoberno provincial.
A vontade real do goberno provincial con respecto aos parques empresarias comprometidos xa quedou de manifesto en novembro do ano pasado no debate da moción popular na que se pedía que no presuposto provincial para o actual exercicio económico (2020) se reservase unha partida finalista para a licitación e urbanización do polígono industrial de Vilarín no Concello de Riotorto. Naquel momento, os populares, por boca de José Antonio García, sinalaron: “Os trámites administrativos foron iniciados polo Concello fai catro anos cando presentou e tramitou o necesario plan especial urbanístico para o asentamento de naves e empresa. Nestes catro anos, o Concello de Riotorto foi conseguindo tódolos informes sectoriais e legais precisos para o parque empresarial fose unha realidade. O proceso de tramitación administrativa finalizou o 12 de novembro de 2019, coa aprobación definitiva, pola Xunta de Goberno do Concello, do proxecto de urbanización do parque empresarial Vilarín de Riotorto, que ten un orzamento de 402.250,48 euros. Agora é esta Deputación a que ten que subrogarse nas súas obrigas e nos seus compromisos cos proxectos desta provincia”. Pero xa entón tanto PSOE como BNG votaron en contra desta iniciativa.
O portavoz provincial do PP sinala: “É o momento de que o goberno provincial, e sinaladamente o seu presidente, digan se van manter ou non os compromisos adquiridos por Suplusa. Dende logo non hai nada que xustifique o non facelo. O caso de Riotorto é un exemplo de como a falta de interese do goberno provincial dana os intereses dun municipio que necesita dispoñer de solo industrial e pon da súa parte todo o necesario”. Engade Javier Castiñeira: “Señor Tomé, déixese de desculpas, asuma as súas obrigas e traballe polo interese da provincia, do que forma parte a creación dos parques empresarias proxectados no seu día por Suplusa e tan necesarios para concellos como o de Riotorto”.
Castiñeira tamén sinala: “ Equivócase o socialista José Tomé se pensa que imos deixar de reclamar que faga o necesario para que a Deputación cumpra os compromisos de Suplusa; hoxe estamos en Riotorto, precisamente, para recordarlle que ten un parque empresarial que desenvolver neste concello”.