Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP entende que o raquítico investimento previsto polo Estado en autovías na provincia demostra que o PSOE e o BNG de Lugo non teñen ningún peso nas decisións de Sánchez

 Lugo, a 29 de outubro de 2020. O proxecto de presupostos xerais do Estado dado a coñecer polo Goberno confirma que se mantén a marxinación na que Pedro Sánchez e os seus aliados teñen á provincia de Lugo en todas as frontes, pero moi sinaladamente en materia de infraestruturas. Coñecido o proxecto de grandes contas, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, está convencido de que “os feitos demostran que o bipartito tentou tomarnos o pelo no pasado pleno da Deputación coa súa proposta de dar pulo a autoestrada A-56, Lugo-Ourense”, de modo que “tal como anticipamos, o Goberno do Estado (PSOE-Podemos) no borrador de orzamentos presentados no día de onte, corrobora a súa falta de compromiso coa rede de autoestradas planificada na provincia e prioriza á A-54”.

Castiñeira cre que o Goberno presidido por Pedro Sánchez “deixou en absoluto ridículo ao goberno bipartito da Deputación; a súa proposta de dar pulo, como lles gusta dicir aos nacionalistas, á A-56, que dicían estaba abandonada e ao intercambiador, foi totalmente ninguneado por Pedro Sánchez”. Explican os populares: “Polo contrario a aposta foi pola A-54; hai que recordar que no propio pleno provincial denegaron a emenda do PP para impulsar as tres autovías: A-54, A-56 e A-74 (A Mariña). As autovías Lugo-Ourense e a da Mariña quedan practicamente fora destes orzamentos, cando están nun punto de avance administrativo moi alto, especialmente o tramo I de Barreiros a Foz, no que xa no 2018 se avanzara na xestión das expropiacións e nas sondaxes xeotécnicas”.

Castiñeira sinala: “Estas contas para o ano 2021 son un golpe para varias comarcas luguesas importantes, como A Mariña e o suroeste, é dicir, A Ulloa, Chantada e a propia Ribeira Sacra. Estas contas son especialmente malignas para os intereses da Mariña, esquecida polos socialistas, que suma á falta do estatuto comprometido cos traballadores de Alcoa, a falta de compromiso coas infraestruturas mariñáns, o que debilita a argumentación pola aposta polo aluminio primario na Mariña”.

O portavoz popular di que “PSOE e BNG demostran ter moi pouco peso de decisión sobre o Goberno de Pedro Sánchez, que prefire investir noutras zonas do país os impostos que tamén pagamos os máis de 330.000 lugueses”.

Exit mobile version