Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que as dimisións e cambios no goberno de Foz obedecen á falta de liderado de Cajoto e á carencia de proxecto para o municipio

 Foz, a 01 de outubro de 2020. Ante os múltiples cambios no equipo de goberno do señor Cajoto, o Partido Popular de Foz entende que son froito única e exclusivamente da incompetencia do propio Partido Socialista de Foz. Así o sinala o concelleiro popular Juan Rivas: “Non nos gustan as desculpas que dá o alcalde para dar a entender que non sabia que Foz é un Concello tan complexo de gobernar e que ademais a crise da covid o colleu medio despistado” . O mesmo concelleiro popular di que “os cambios de Cajoto obedecen a que en 15 meses no goberno, e dicir, menos de un terzo do mandato, xa leva dúas dimisións forzadas por concelleiros que discrepaban do seu propio liderado”. Engade: “Os cambios de Cajoto obedecen ademais á falta de planificación dun equipo sen proxecto, que improvisa dende a súa concepción, xa que non contaba gobernar e onde os números 2 e 3 abandonaron o barco cando viron o primeiro temporal”. Os populares, por boca de Rivas, sinalan: “Queremos recordar que o equipo de goberno de Cajoto é o máis amplo, con 9 concelleiros, e o máis caro da historia con tres dedicacións, dúas pagadas polo Concello e unha pola Deputación. E aínda así vemos a un alcalde desbordado, pouco resolutivo, lento na xestión e obsesionado contra a Xunta de Galicia, a que despreza repetidamente”. Rivas tamén di: “A maiores, con todo este panorama, o señor Cajoto, sen experiencia ningunha, meteuse a presidir a Mancomunidade da Mariña, o que o está sobrepasando absolutamente”. O mesmo concelleiro popular sinala: “Dende o Partido Popular de Foz recomendámoslle ao señor Cajoto que aprenda do anterior goberno que tanto criticaba, que non asumía máis choio do que podía xestionar e que con só 5 concelleiros, a metade dos que ten vostede, e en minoría pactaba con todos os grupos e fixo cousas importantes. Un grupo cohesionado, coa única dedicación do alcalde e que mantivo boa relación institucional con todas as administracións. Señor Cajoto, máis humildade e autocrítica e menos desculpas, e póñase a gobernar que se lle está pasando a tortilla”.

Exit mobile version