O concelleiro Juan Rivas sinala: “O recheo lévase a cabo, cremos que de xeito irregular, nas proximidades da praia de Llas, concretamente nun camiño que vai dende a estrada das praias ata a Rúa Torques do Castro”. Rivas detalla que “o camiño se reenche con entullo provinte dunha obra municipal, concretamente do saneamento das rúas Concello de Valadouro e Concello de Alfoz”. Considera que “esta maneira de actuar non é a adecuada”.
O mesmo concelleiro sinala que “hai grave risco de que se poida producir unha denuncia por Medio Ambiente ou polo Seprona, porque os materiais non son adecuados para este entorno, que é unha zona de protección costeira”. Di Rivas: “Entendemos que se se quere facer o recheo do camiño, co cal estamos de acordo, porque está moi profundo, pode facerse pero hai que contar co correspondente proxecto, pedir os permisos necesarios e utilizar os materiais adecuados”.
Os populares demandan a inmediata retirada dos camións de entullo xa depositados no camiño, porque interrompen o paso. Queren saber se o Concello deu autorización para facer o que xa está feito a día de hoxe, e que supón que un camiño público (figura no inventario de bens públicos) estea cortado e convertido nun vertedoiro.