Os populares explican, ademais, que “o Goberno galego está a traballar de xeito coordinado cos traballadores para atopar solucións ante esta situación tan complexa”. A administración autonómica colabora cos representantes dos traballadores na preparación da impugnación do ERE e na solicitude de medidas cautelares para que non se paren as cubas e “onte mesmo o presidente mantivo unha xuntanza en Cervo co comité de empresa”.
Dende o PP da provincia de Lugo defenden que “a mellor opción para a planta de aluminio é que Alcoa acepte vender”; pero no caso de que a multinacional non acepte volver á negociación para a venda e siga insistindo na paralización da planta, “a Xunta comprometeuse a pedir ao Goberno de Pedro Sánchez a intervención temporal”.
Demandas ao Goberno
“Agora mesmo a prioridade é salvar a planta e os empregos”, segundo manifestan dende o PP de Lugo e para iso esixen que o Goberno central “convoque a reunión prevista co comité de empresa e a Xunta para avanzar na senda do diálogo e no establecemento de medidas coordinadas para facer fronte a Alcoa”.
Os populares recordan tamén que “unha das cuestión que orixinou este problema foi a ausencia dun marco enerxético estable para a industria electrointensiva” ao que se engaden as insuficientes compensacións por custos indirectos de CO2. É por iso polo que urxen ao Goberno de Sánchez a que “favoreza un marco enerxético estable para o sector electrointensivo”; xa que agora mesmo en España a industria electrointensiva paga o dobre pola tarifa eléctrica que en Alemaña ou Francia. “É imprescindible tamén aprobar canto antes o estatuto igual que incrementar as compensacións por custos indirectos de CO2 porque os asignados son insuficientes”.
Defensa da planta e do sector electrointensivo
O compromiso do PP e do Goberno galego coa planta de San Cibrao queda reflectido coa declaración de sector esencial e estratéxico para Galicia que supón vantaxes no eido das tramitacións administrativas para as empresas que queiran investir no sector electrointensivo.
Os populares teñen xa participado noutros moitos actos defendendo a continuidade na Mariña da única fábrica de aluminio primario coa que conta España en activo e incluso defenderon e apoiaron iniciativas neste sentido nas diferentes institucións nas que teñen representación.