Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba unha proposta socialista para pedirlle á Xunta que habilite a reversión aos concellos dos terreos titularidade portuaria que deixen de ter uso para os portos

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2020. O Pleno do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que habilite a reversión aos concellos dos terreos de titularidade portuaria que deixen de ter uso para os portos. O parlamentario socialista Julio Torrado esixiulle ao goberno galego que “cumpran o que prometen” logo de lembrar que excluíron esta posibilidade da Lei de Portos de 2017 e votaron en contra en 2018.

Torrado tildou de “falaz” o argumento do PP de que a Xunta “xa está taballando nisto” cando “a realidade é que en 2017 non o incorporaron á lexislación, en 2018 rexeitaron unha proposta semellante na Comisión de Pesca. Agora, sinalou, teñen presentada no Parlamento unha iniciativa “vaga e imprecisa” á que o parlamentario socialista deu lectura para constatar que resulta “imposible de entender”.

Sinalou que os vaivéns do PP evidencian que o goberno galego está en contra desta medida, o que é “lexítimo, pero o problema é que falan e prometen moi ben pero compren moi mal”, cando “hai moitísimas solicitudes –de reversión dos terreos- que se negan porque a Xunta o que quere é cobrar e cobrar”. Sinalou ademais que “sobre todo ocorre en 3 zonas, que son o Salnés, a Costa da Morte e a Mariña Luguesa, e curiosamente coincide con alcaldías que non son do PP”.

Portos cobra e solo cobra

Torrado puxo o foco sobre a situación de terreos que manteñen a titularidade das autoridades portuarias malia que teñen deixado de ter utilidade portuaria pola expansión urbanística e por terlle gañado terreo ao mar. Sen embargo portos “cobra, pero solo cobra, ninguén fai mantemento, ninguén limpa, arranxa as beirarrúas ou repara as farolas que perden luz”, por non falar de “terrazas que teñen taxas e normativas distintas dun lado e outro da rúa”.

Advertiu que se trata dunha “cuestión administrativa” que prolonga un problema para as actividades deportivas, culturais ou comerciais que teñen que pagar elevadas cotas para desenvolverse nuns terreos que serían moito máis asequibles de ser titularidade dos concellos. Reclamou “vontade política para acadar unha solución” que permita a adhesión voluntaria dos concellos “que crean que poidan facerse cargo daqueles terreos que soliciten”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a abrir un procedemento normativo que permita a negociación bilateral voluntaria dos concellos coa entidade Portos de Galicia para, nos formatos e medidas que ambas administracións acorden, ofrecer a posibilidade de reverter a titularidade de terreos portuarios cara aos concellos, cando o seu uso para fins relacionados co porto sexa residual ou inexistente e teñan posibilidades de utilización municipal.

Naqueles casos onde os concellos xa teñan solicitado á entidade Portos de Galicia a reversión da titularidade dos terreos portuarios procederase de oficio á maior brevidade posible”.

Exit mobile version