Viveiro, 23 de outubro de 2020. O Concello de Viveiro, co fin de adoptar as medidas necesarias para adaptarse á nova orde da Xunta de Galicia coas novas restricións polo coronavirus, aprobou un decreto no que, entre outras, se acordaron as seguintes cuestións:
– Suspéndese a totalidade de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras no termo municipal de Viveiro.
– Aplícanse as restricións establecidas con respecto aos mercados que teñen lugar no termo municipal de Viveiro.
– Con respecto aos establecementos de hostalería e restauración, limítase a capacidade das terrazas ao 75%. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, debendo gardar a distancia de seguridade interpersoal.
No interior dos locais limítase a súa capacidade ao 50%, non se permite o consumo en barra e deberá asegurarse o mantemento da distancia interpersoal entre clientes.
Deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada e non poderán permitir o acceso de novos clientes a partir das 00:00 horas. Estas limitacións tamén se aplican ás terrazas dos establecementos de lecer nocturno.
– Limítase o aforo da biblioteca municipal ao 50%. As actividades culturais que se realicen neste espazo non poderán superar o máximo de cinco persoas nas actividades de grupos, incluído o monitor ou guía, establecendo as medidas necesarias para manter a distancia interpersoal. Estas medidas tamén serán de aplicación para o arquivo, salas de exposicións e outros equipamentos culturais do Concello que non conten con regulación específica.
– Limítase o aforo do Teatro Pastor Díaz ao 50%, non podendo en ningún caso superar as 60 persoas. Así mesmo limítase o aforo dos espazos públicos municipais ao aire libre, para a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas ao 50%, sempre que o público permaneza sentado e cun máximo de cento cincuenta persoas.
– A práctica deportiva non federada ao aire libre en instalacións municipais poderá realizarse de forma individual ou colectiva sen contacto físico. No suposto da práctica colectiva o máximo será de cinco persoas excluído o monitor. Nas instalacións deportivas pechadas limítase o aforo ao 50% e os grupos non poderán superar o máximo de 5 persoas sen contar o monitor.
Os eventos deportivos, competicións ou celebracións deportivas en espazos municipais poderán desenvolverse con público cunha limitación de aforo do 50% e sempre que o público permaneza sentado, e co límite máximo de 60 persoas en lugares pechados e 150 ao aire libre.
Esta limitación non se aplicará á práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos.
– Limítase o aforo da piscina municipal ao 50%, sen que poida excederse do límite de cen persoas. A situación dos obxectos persoais levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade. Exceptúase o uso da máscara durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para os accesos, desprazamentos e paseos nas piscinas e praias. Aplicarase o límite de cinco persoas por grupo para actividades colectivas, excluido o monitor.
– Limítase o aforo dos centros sociais ao 50%. As actividades socioculturais de tipo grupal non poderán exceder dun máximo de cinco persoas incluído o monitor ou guía.
– Limítase o aforo das instalacións municipais para a celebración de congresos, encontros, reunións, conferencias, eventos e actos similares ao 50% do aforo e cun límite máximo de 60 persoas, debendo en todo caso respectarse as distancias de seguridade interpersoal.
– A todas as actividades que se desenvolvan en espazos de titularidade municipal non especificadas no presente Decreto, e que resulten permitidas, resultaralles de aplicación a limitación de grupos máximos de cinco persoas, excepto no caso de persoas convivintes. Non será aplicable esta limitación no caso de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, así como no caso da práctica do deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
O prazo de vixencia destas medidas manterase en tanto non sexan modificadas pola Autoridade Sanitaria autonómica competente, ou non sexan revisadas por este Concello, en virtude das normas que se diten polas autoridades competentes.
Finalmente, dende o goberno municipal solicítase, unha vez máis, a máxima responsabilidade social para dar cumprimento a todas as medidas establecidas, dirixidas ao control do virus, co fin de preservar a seguridade e saúde pública.
O Concello de Viveiro saiu do nivel amarelo, por non superar un determinado número de casos establecidos polas autoridades sanitarias na última semana, e a día de hoxe, o número de positivos oscila entre os 10 e 12 casos, que evolucionan favorablemente e que están moi controlados.
Facer fincapé na necesidade de seguir extremando as precaucións, gardando a distancia social, utilizando mascarilla sempre, realizando unha coidada hixiene de mans e dando cumprimento ao conxunto de medidas e restricións establecidas, quérese agradecer a todos os veciños e veciñas polo seu esforzo e concienciación.