Muras, 1 de outubro de 2020. O goberno local sacou adiante co voto unánime da corporación municipal, as bases de axuda ao pago da factura da luz e as de estudantes, no pleno celebrado onte ás 20.30 hs, na casa consistorial. Nas bases da luz, a diferencia do ano pasado, incorporouse unha nova liña de axudas, destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de 1.500 €. Esta liña incorporase como unha medida que intenta paliar a incidencia na economía local da crise provocada pola pandemia da COVID-19, e no marco das conversas que se mantiveron entre os grupos municipais.
Por outra parte, tamén se aprobaron as bases das axudas destinadas aos estudantes e neste sentido, mantivéronse as contías do ano pasado, e introduciuse como novidade , unha liña de axuda de 100 euros, destinada a subvencionar a contratación de internet nos fogares, posto que é necesario que os estudantes conten cunha conexión de velocidade media-alta, para combater a brecha dixital, e garantir que todo o alumnado de Muras matriculado en calquera nivel educativo conte con estes tipo de conexión, dado que en calquera momento poderían tomarse medidas de restricións de movementos, e atoparnos de novo coa ensinanza semi-presencial.
Manuel Requeijo manifestou que “con estas bases, seguimos a senda dos últimos anos, incrementando as contías e os beneficiarios. Agora os autónomos poderán ter unha pequena axuda do concello que sempre lles vén ben, á falta de axudas da Xunta de Galicia”. O rexedor engadiu que “tamén queremos que haxa internet en todos os fogares dos alumnos de Muras, non vaia a ser que suspendan as clases de novo pola pandemia esta. Debemos estar preparados por se acaso, por iso animo a que instalen a conexión nas súas casas”. Por último, Requeijo engadiu que “os alcaldes nestes tempos, debemos pensar nos veciños, sobre todo nos máis vulnerables e facer políticas para facer unha sociedade máis xusta e igualitaria”.