Mondoñedo, a 20 de outubro de 2020. Os días 22, 23 e 24 de novembro de 2019 celebráronse en Mondoñedo as I Xornadas Gastronómicas da Faba Verdina, organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Asociación de Produtores de Faba Verdina de Galicia, con sede nesta cidade episcopal. A asociación foi creada en 2019 co fin de promover a faba verdina, un produto que acada nesta comarca excepcionais niveis de calidade. Un dos obxectivos das xornadas celebradas xa case hai un ano foi o de mostrar as posibilidades culinarias deste produto. Con patrocinio do Concello de Mondoñedo, elaborouse un libro de receitas, un receitario que recolle as propostas de catorce establecementos hostaleiros de Mondoñedo. Como poderán comprobar os que o lean, as preparacións e as combinacións da verdina son moi amplas, e van dende os guisos lentos de pucheiro ata os salpicóns ou as tortillas de ovos.
Seguidamente, indícanse os establecementos e as receitas que aportan nesta publicación, patrocinada polo Concello mindoniense, que, nunha demostración de sinxeleza e claridade se denomina así: Libro de receitas. I Xornadas gastronómicas da faba verdina de Galicia:
O Bar Amanecer aporta os segredos das Fabas con cogomelos cantarelos; Restaurante Padornelo optou pola Verdina ó salpicón; a Taberna do Valeco, por Verdina con xabaril; o Café Vinoteca Segundo (Centro Social) aposta por Verdina con luras na súa tinta; A Taberna da Galiana propón Fabada de verdina; A Bodeguiña opta por Ms. Beans. Tortilla de verdinas; O Petisco. Viñoteca decántase por Verdina con xabaril á cazadora; Bar o Rincón revela os secretos das Verdinas con ameixas; Bar o Porriño inclínase por Verdinas con bacallau; Bar Castro elixe Fabas con bacallau e gambas; Bar A Tasca opta por Verdinas con sepia; Bodegón a Catedral explica como se fai a Verdina con poldro; Bar O Pasatempo decántase polas Fabas con ameixas; O Palique ensina como son as Verdinas con gulas e gambas.
As xornadas, que naceron con vocación anual, e o libro de receitas obedecen ao obxectivo común do Concello e da asociación de dar a coñecer un produto de gran calidade como é a faba verdina.
Concello e produtores, co libro de receitas queren demostrar que nin a elaboración da faba verdina é máis complicada que a doutras legumes nin é preciso recorrer sempre a asociala con marisco. A asociación asegura que coa verdina acontece que a súa consideración como alimento gourmet (algo un tanto insólito nunha legume) afástaa da cociña caseira, e fai que a súa elaboración quede reservada aos días de festa, ou que só se consuma cando se sae a comer fóra.