Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz está en alerta 1 por ter sete casos de covid. O Alcalde explica que continúan as mesmas restricións e pide precaución aos veciños pero sen alarmarse

 Foz, 28 de outubro de 2020. O concello de Foz está en alerta 1 (cor amarela) por ter sete casos de Covid, dous deles nas últimas 24 horas. O alcalde, Fran Cajoto, explica que no municipio continúan as mesmas restricións que había nos últimos días e pide precaución aos veciños pero sen alarmarse.
“Comunicáronnos que en Foz pasamos ao nivel 1 de alerta por Covid, estamos en cor amarela. Isto é porque agora mesmo temos sete casos, no rango máis baixo do nivel 1, e con dous positivos nas últimas 24 horas. Hai que destacar que non é o mesmo o nivel de alerta por concellos que traslada o Sergas no mapa de actualización de positivos que o nivel de restricións, no que en Galicia continuamos no nivel 2, con reunións dun máximo de 5 persoas non conviventes e ademais coas restricións á mobilidade a partir das once da noite”, manifestou o rexedor municipal.
Fran Cajoto pide á poboación que “siga cumprindo as medidas de seguridade: evitar o contacto físico e usar sempre mascarilla. Sen alarmarse, pero hai que ser responsables porque coa nosa actitude evitamos que virus se estenda. Isto pode continuar, pode haber pequenas vagas ou ondas de virus; de feito agora en toda España estamos a sufrir este rebrote. Hai que ter tranquilidade, pero cumprindo sempre todas as medidas que indican as autoridades sanitarias”.

Exit mobile version