O rexedor, Alfonso Villares, que se desprazou no día de hoxe ata o lugar, acompañado por varios membros do equipo de goberno, explicou que “a obra, que comprende o tramo desde o acceso á Praza de Urbanización ata o aparcadoiro, consistiu na mellora do pavimento da rúa, eliminando barreiras arquitectónicas e renovando a rede de saneamento”.
Ademais, tamén se deixaron preparadas canalizacións para o soterramento do alumeado público e as telecomunicación.
Esta obra vén completar a renovación integral de toda esta contorna, que supuxo un investimento total de 300.000 euros; xa que a primeira fase que comprende o tramo entre a rotonda e o acceso á Praza de Urbanización, foi executada cos fondos do Plan Único, e recepcionada a finais do pasado ano.
Villares apuntou que esta actuación segue a liña de todos os proxectos que vimos acometendo no termo municipal; “todas as intervencións que plantexamos foron concibidas baixo tres premisas: a mellora da accesibilidade coa eliminación das barreiras arquitectónicas, a humanización da zona na que se actúa e a aposta polo saneamento; un servizo que non se ve, pero que mellora a calidade de vida da veciñanza”.