Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo felicita ao club local de Tiro con Arco Iadovi polos éxitos deportivos acadados nos últimos meses

 Cervo, 21 de outubro de 2020. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, David Rodríguez, mantiveron un encontro coa presidenta do club de Tiro con Arco Iadovi, no que lle trasladaron os parabéns do Concello de Cervo polos éxitos deportivos acadados nos últimos meses.
A última xesta tivo lugar a pasada fin de semana na Devesa, Pontevedra, onde Santiago González Villares, proclamouse campión da primeira xornada da Liga Galega de percorridos de bosque 3D. Un gran comezo de tempada, logo de acadar o título galego nesta modalidade no mes de setembro.

Tal e como lle trasladou o rexedor, “estamos a seguir con moito interese, como entidade deportiva pertencente a este municipio, todos os logros deportivos individuais e colectivos que foron transcendendo a través das Federacións Española e Galega de Tiro con Arco, polo que desde o Concello queremos felicitarvos polo éxitos acadados, desexarvos moita sorte na nova campaña e no futuro; e darvos o noso máis sincero agradecemento por levar o nome de Cervo toda a xeografía galega e española, deixando o listón sempre tan alto”.

No encontro, o rexedor e o edil tamén lle entregaron a presidenta do club Iadovi unha axuda nominativa de 500 euros para contribuír cos seus gastos de funcionamento.

Exit mobile version