Site icon Crónica3.com A Mariña

24 persoas usuarias do Centro de Dia Residencia de San Cibrao e 7 traballadorxs deron positivo en COVID-19

Cervo, 30 de outubro, 2020. O Concello de Cervo comunica que nestes momentos hai 24 persoas usuarias do Centro de Dia Residencia e 7 traballadores/as que, tralas probas realizadas, deron positivo en COVID-19. Hai dúas persoas ingresadas no hospital por precaución, cuxo estado a día de hoxe non reviste gravidade; e o resto dos casos positivos son asintomáticos.

Desde o Concello de Cervo, a través dos Servizos Sociais e do Servizo de Emerxencias, estamos en contacto directo co centro e colaborando en todo o que está na nosa man desde o minuto un, e agora ante o incremento do número de casos confirmados.

Estableceuse unha planta exclusivamente para residentes contaxiados de coronavirus, unha segunda planta de usuarios positivos e negativos pero que estiveron en contacto directo; e unha terceira planta na que están os/as usuarios/as que non teñen COVID a día de hoxe.

Desde o Concello amosamos todo o noso apoio a todas as persoas usuarias, ás súas familias e ao cadro de persoal do centro; e queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade á poboación incidindo no seguimento rigoroso de todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias.

Unha mensaxe que tamén trasladan desde a dirección do centro que manteñen liña directa cos familiares, aos que poñerán en coñecemento instantáneo antes calquera incidencia.

Desde Sanidade tamén puxeron á súa disposición todo o soporte sanitario necesario (incluídos equipos de osixenoterapia) e o centro extremou aínda máis a limpeza e reforzou o cadro de persoal, con novas coidadoras.

Exit mobile version