O alcalde burelés, Alfredo Llano, dixo que “emitimos un Bando onde figuran as medidas xerais de prevención que está de acordo coa normativa tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia, polo tanto establece o cumprimento obrigado desas medidas”.
O rexedor sinalou que “concretamos cinco medidas que establecemos que deben ser prioritarias e que conforman unha boa situación para organizarse na visita aos cemiterios durante todos estes días. Desde a publicación deste bando hoxe, xoves, ata o día 2 de novembro poderanse realizar as tarefas de limpeza e conservación dos nichos ou tumbas por parte dos familiares nun horario comprendido entre as sete da mañá e as nove da noite. Penso que é un horario abundante para poder facer todas estas tarefas. Ademais permitirase un máximo de catro persoas por grupo e haberá que respectar o espazo que lle corresponde a cada un sen aglomerarse excesivamente. A duración das visitas non deben superar en ningún caso os trinta minutos. Cremos que debe ser suficiente para estar alí facendo as labores que correspondan”.
Llano engadiu que “tampouco se van poder utilizar os aseos porque vai ser pouco tempo de permanencia no cemiterio e ademais non podemos estar aí limpando constantemente. Imos poñer material suficiente para se hai que utilizar a billa ou as escaleiras e pedimos ás persoas que o empreguen que o deixen como estaba para as outras que poidan ir alí”.
O alcalde referiuse ao covid e pediu colaboración á veciñanza: “imos procurar ter entre todos a corresponsabilidade que nos toca. Hai que ter en conta que Burela foi un exemplo clarísimo no mes de xullo de como comportarse. Eu apelo a esa responsabilidade que se amosou daquela, o que nos levou a ter un éxito extraordinario. Eu sei que a xente de Burela realmente está tendo un comportamento exemplar. Quero dar as grazas por colaborar sempre pensando no ben común e en atallar a expansión do coronavirus”.