A alcaldesa explicou que “tras a avaría sufrida a finais do verán pola motobomba que tiñamos no concello, que tiña máis de trinta anos, e que supoñía un investimento demasiado elevado para un vehículo desas características que ademais non garantía a plena operatividade debido á antigüidade da mesma, o goberno municipal realizou todas as xestións posibles para garantir a dispoñibilidade dun vehículo deste tipo no municipio.”
“Tras coñecer que o Concello de Lugo contaba con un vehículo en desuso que cumpre coas características necesarias para a cobertura destes servizos en Barreiros, a colaboración entre ambos municipios fixo posible a dispoñibilidade da motobomba”, explica a rexedora.
Ermida agradece ao goberno de Lugo, e nomeadamente á súa alcaldesa, a boa disposición amosada e as facilidades para axilizar a tramitación administrativa que permite a posta a disposición do vehículo xa neste momento.
Con esta cesión gratuíta, Barreiros contará, unha vez posta a punto e regularizada a situación administrativa, con motobomba dispoñible para a prestación de servizos municipais contra incendios, limpezas de espazos públicos ou problemas de atascos na rede de sumidoiros municipal ou taxeas de camiños.
Ana Ermida manifestou que “en calquera caso, mentras o Concello non dispuxo de motobomba, estes servizos seguiron a realizarse, ben mediante a colaboración con medios de concellos veciños ou mediante a contratación dos mesmos”; polo que sinala “Barreiros non perdeu en ningún momento ningún deses servizos.”