Viveiro, 30 de outubro, 2020. A crise sanitaria provocada pola COVID-19 desde o pasado mes de marzo provocou a anulación ou o adiamento do calendario cultural galego.
Unha das efeméredes culturais anuais de gran calado e recoñecemento social é a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio, quer na súa vertente institucional celebrada o propio día, quer na progresiva programación da actividade sociocultural vinculada á figura homenaxeada, ao longo de todo o ano e nos diferentes ámbitos entre os que sobrancea o ensino.
As medidas de confinamento, as fases de desescalada, a suspensión das aulas presenciais nos centros de ensino, así como as continuas medidas de distanciamento social e protocolos de prevención sanitaria que se viñeron aplicando e nos que aínda, con tantas incertezas perante as repuntas que estamos a vivir, continuamos, seguen a impedir conmemorar, como correspondería, a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero.
Esta imposibilidade vai alén do plano institucional e ten a ver, tamén, coa difusión da vida, obra e pensamento de Carvalho Calero a través dos centros de ensino, das librarías e bibliotecas públicas ou da importante actividade que o tecido social galego e o asociacionismo cultural de base realizan.
É por iso que o Bloque Nacionalista Galego se sumou no pasado mes de abril a todo un coro plural de voces que reclamaba prolongar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero ao ano 2021, porque resulta evidente que, mesmo agora xa camiño do último trimestre do ano e sen plenas garantías sanitarias, a crise provocada pola pandemia da COVID-19 fai imposíbel o desenvolvemento do Ano Carvalho Calero con normalidade.
Por todo o exposto anteriormente, o Grupo Municipal do BNG traslada a seguinte proposta de acordo:
1.O Pleno do Concello de Viveiro acorda amosarse partidario da prolongación ao ano 2021 do Día das Letras dedicado a Carvalho Calero e insta a Xunta de Galiza a se dirixir formalmente á Academia Galega para así llo transmitir e solicitar formalmente.
2.O Pleno do Concello de Viveiro acorda dar traslado do presente acordo á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, aos distintos Grupos Parlamentares e á Academia galega.