Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo pídelles aos presidentes da Xunta e do Principado maior diálogo e coordinación á hora de tomar decisións sobre a mobilidade entre A mariña e o occidente asturiano

 Ribadeo, 28 de outubro de 2020. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que o peche perimetral de Asturias, que deu comezo hoxe, é unha mala nova para esta vila e para toda a comarca natural que forman A Mariña de Lugo e o Occidente de Asturias, aínda que sinalou que hai que acatar esas restricións con resignación. O rexedor pídelles aos presidentes da Xunta e do Principado que dialoguen máis e que se coordinen mellor debido ás repercusións que estas medidas teñen na poboación de ambas zonas.
Suárez Barcia declarou que “é unha situación negativa e mala, desde logo, pero ao mesmo tempo desde un Concello temos que tomalo con resignación, nosoutros non somos os que marcamos estas pautas. Si que nos gustaría que todo o mundo actuara como se espera que fagamos, que nos comportemos e que actuemos como sociedade correctamente facendo uso individual de todas estas normas, de distanciamento, de uso de máscaras, etc…, para que esta situación sexan dúas semanas mellor que catro”.
O alcalde ribadense dixo que “aínda comprendendo que, cando hai que adoptar medidas, a liña haina que poñer nalgún sitio concreto realmente somos unha comarca administrativamente galega, pero formamos parte dunha comarca natural que tamén inclúe o Occidente asturiano, non se entende Ribadeo sen A Veiga, Taramundi sen Trabada, etc… Somos concellos que historicamente falamos do mesmo xeito, compramos, dialogamos, encontrámonos todos os días traballadores e veciños que cruzan a unha e a outra banda da ríía de Ribadeo, e un peche é unha cousa terrible”.
Fernando Suárez manifesto: “si me gustaría que entre os dous, a Xunta máis o Principado, se cadra dialogasen un pouquiño máis para chegar a coordinar as mesmas medidas para unha banda e para a outra da ría, porque realmente polo que vemos a taxa de incidencia do covid no Occidente asturiano non é tampouco demasiado grande. Non somos ninguén para dicir o que teñen que facer na outra banda, pero si que nos gustaría que coordinaran un pouco máis porque hai unha poboación que se move a un lado e ao outro que se ve moi afectada durante todo este tempo”.
O rexedor engadiu que “mentres tanto hai que facer as cousas o mellor posible, consumir local e ao mesmo tempo se podemos facer, como en Europa, anticipar os horarios de consumo, de compra, etc.., para que cando cheguen estes toques de queda teñamos o resto do día correctamente realizado”.

Exit mobile version