Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural financiará a obra para a mellora da rede de abastecemento de auga potábel de Barreiros

 Lugo, 1 de outubro de 2020. A deputada de Medio Rural, Mónica Freire anunciou hoxe que a súa área financiará a maior parte do abastecemento de auga potable que o Concello de Barreiros vai acometer na parroquia de San Cosme.

Fai unhas semanas, a responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo visitou o lugar de Remior, na parroquia de San Cosme, xunto coa alcaldesa Ana Ermida. Alí poideron ver in situ as necesidades de renovar a rede de abastecemento de auga potable neste lugar do Concello.

“O abastecemento de auga potable é unha das nosas prioridades de actuación para esta lexislatura dentro da nosa área de Medio Rural. E en zonas con grandes concentracións de explotacións gandeiras, como é esta de Remior, poder contar coa garantía dun subministro de calidade vólvese fundamental para o seu funcionamento” explicou a deputada nacionalista.

Estas obras de renovación da rede de abastecemento están valoradas en 217.000 €, nas que a área de Medio Rural se comprometeu a asumir a maior parte do seu custe. A deputada provincial adiantou que nas vindeiras semanas “asinaremos un convenio interadministrativo co concello de Barreiros onde concretaremos a nosa aportación para poder levar a cabo este investimento tan necesario canto antes”.

As obras que se realizarán consistirán na instalación dun colector primario transversal, que discorrerá ao longo de máis de 2 quilómetros ao carón da CP-0611, subministrando auga aos núcleos de Remior e San Bartolo. Ademais, aproveitando a execución da zanxa principal, levarase a cabo unha pequena rede secundaria paralela ao colector principal que dará servizo a sete vivendas.

Exit mobile version