O alcalde ribadense, Fernando Suárez, contou que “Ribadeo ten dúas liñas de recollida de residuos domésticos. A principal é a do contedor verde, que é desempeñada con medios propios e con persoal municipal. Pero tamén no tocante a recollidas selectivas, as dos contedores amarelo e azul, a recollida do cartón porta a porta, a xestión do punto limpo e a recollida de plásticos agrícolas, facémolo a través dun contrato de servizos. Por isto mesmo, despois dun longo e complexo proceso de licitación, vimos de asinar un novo contrato para esta recollida selectiva e escollemos para iso a oferta máis vantaxosa, que recaeu na empresa Ascan Servicios Urbanos. Este contrato será por tres anualidades, cunha posible prórroga dun ano máis e por un importe económico de 83.000 euros ao ano”.
O rexedor subliñou que “ademais de garantir todas as frecuencias da recollida, tanto na vila como nas parroquias, tamén instalamos agora dous puntos limpos de proximidade en sitios céntricos, como é entre os dous parques e ao comezo da avenida Rosalía de Castro, que evitarán o desprazamento ao punto limpo que o Concello ten no Valín, na parroquia de Ove. Así nestes contedores selectivos poderanse depositar certos materiais que non se deben tirar en ningún dos outros contedores como pilas, cds, lámpadas fluorescentes, aceites e, incluso como novidade, cápsulas de café. Tamén supón outra innovación poder depositar nestes contedores selectivos pequenos aparellos eléctricos ou electrónicos como un secador, unha tostadora, un móbil, un cargador, un rato de tablets, etc…”.
Suárez Barcia dixo que “co afán de que todos e todas vaiamos facendo de Ribadeo un lugar comprometido co medio ambiente, animamos á poboación a que vaia facendo uso destes novos contedores selectivos”.