Xove, 20 de outubro, 2020. Este Luns 19 finalizaron os traballos arqueolóxicos no xacemento de San Tirso de Portocelo, en Xove. As sondaxes quedaron tapados preventivamente para asegurar a súa correcta conservación. Durante o próximos seis meses estudaranse os datos e pezas arqueolóxicas recuperadas, ata o seu posterior depósito no Museo do Castro de Viladonga, tal e como solicita a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
A intervención tivo unha duración de tres semanas e obtivéronse resultados de gran interese, coa localización dunha necrópole altomedieval e varias estruturas habitacionais de época galaicorromana. Fixéronse numerosos achados arqueolóxicos, como unha conta de colar de pasta vítrea oculada, diversos restos cerámicos ou un muíño circular, de granito.
O proxecto suscitou gran interese entre a poboación local e foi diariamente visitado por numerosos veciños, que coñeceron de primeira man o desenvolvemento dos traballos e os achados que se ían realizando.
O proxecto cultural de San Tirso de Portocelo, coa colaboración do concello, a ACD Xove e o ANPA do CEIP Xove, realizaron a pasada fin de semana pasada unha xornada de visitas guiadas para adultos e público infantil, con gran afluencia.
O goberno municipal de Xove, financiador da actuación e propietario dos terreos, manifestou o seu interese en continuar coas investigacións arqueolóxicas en San Tirso de Portocelo e seguir dando pasos para a súa posta en valor.