Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020.- A Xunta de Galicia vén de incorporar dous centros educativos da Mariña ao programa Radio na Biblio, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade coa finalidade de impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar. Os centros que se adhiren son o CEIP de Cervo e o IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo.
Os novos centros seleccionados recibirán 2.000 euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.
No conxunto da provincia, este ano incorpóranse catro centros e en toda Galicia súmanse 30. Coas novas incorporacións, en total participan este curso na iniciativa un total de 109 centros públicos de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda Galicia, 12 deles da provincia de Lugo.
Os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renovan recibirán unha asignación de 500 euros por cada un para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.
Plan LÍA
Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos co de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles deben empregarse diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.
Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas. De feito, a experiencia dos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.
Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa durante o período de cese de actividade presencial nos centros na primavera de 2020 por mor da covid-19 puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.