Ribadeo, 29 de outubro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo e tamén deputado autonómico, Daniel Vega, amosa a súa “indignación” pola actitude e valoracións realizadas no día de hoxe polo alcalde e a deputada provincial do BNG respecto da estrada dos Garitos. E é que foi precisamente o popular o que levou este asunto ao pleno municipal e lle confirmou ao rexedor que a Xunta de Galicia dispoñía de orzamento para acometer a mellora desta vía. Tal é así que Daniel Vega lle comentou ao alcalde nacionalista que se puxese en contacto co Goberno galego para asinar un convenio ou incluso solicitar unha axuda no marco do Plan Urbe. A resposta de Fernando Suárez foi un si.
Por este motivo, Daniel Vega censura “o cinismo” dos nacionalistas e pregunta directamente “por que o Sr. Suárez lle prohíbe á Xunta de Galicia investir nesta estrada”. O popular lanza esta pregunta porque, ademais, o propio alcalde mantivo recentemente un encontro co delegado autonómico en Lugo e nada lle comentou ao respecto deste asunto.
“Suárez vive moi cómodo nun martirio irreal”
Esta situación leva ao popular a concluír que o alcalde de Ribadeo “vive moi cómodo nas manifestacións de martirio irreal de que a Xunta non dá, de que a Xunta non inviste en Ribadeo….” pero isto, subraia, “é faltar á verdade porque aí están o saneamento de Rinlo, as obras nas infraestruturas da zona rural, na rúa Pintor Fierros -na que achega o 82% do orzamento-, 75.000 euros en axudas para o comercio, etc…..”.
Con todo, pídelle ao rexedor que non descarte a posibilidade de asinar un convenio coa Xunta porque esta “vai a dicir que si, xa que nunca dixo que non”, sentencia.