Ribadeo, 29 de outubro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que “a Xunta de Galicia achega 32.000 euros que supoñen o 80% do orzamento da obra de mellora do saneamento de Rinlo”.
Vega sinala que “a Xunta continúa así investindo no noso municipio en materia de infraestruturas achegando, unha vez máis, orzamento propio da administración autonómica para apoiar o desenvolvemento destas obras para mellorar servizos básicos para os veciños”.
A obra prevista consiste na reposición do tramo final de impulsión da rede de saneamento de Rinlo e, para iso, será preciso demoler a caseta do cadro eléctrico, mover as terras necesarias e instalar a canalización da tubería de impulsión por un dos marxes da rúa ata os pozos de rexistro, a colocación de dúas novas bombas de impulsión con tapas de fundición independentes.
O popular engade que “seguiremos xestionando orzamento” para que Ribadeo reciba achegas para a mellora das súas infraestruturas e “para todo aquilo que beneficie aos veciños”.