Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello e comisión organizadora das festas patronais de Burela asinaron un convenio de colaboración. O seu importe irá destinado á organización do concerto que Roi Casal ofrecerá este sábado

 Burela, 7 de outubro de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, e a presidenta da comisión organizadora das festas de Burela, Toñi Eijo, asinaron hoxe un convenio de colaboración. A súa contía, cinco mil euros, vai destinada ao concerto que ofrecerá Roi Casal este sábado, 10 de outubro, no auditorio municipal a partires das nove da noite.
Toñi Eijo explica que “a subvención que recibimos do Concello de Burela destinámola a organizar o concerto de Roi Casal. Neste 2020, por mor da pandemia do covid-19, quedamos sen festas patronais como todo o mundo sabe. Agora que a situación mellorou é por iso que decidimos organizar un espectáculo en Burela para que o poidan disfrutar as nosas veciñas e os nosos veciños. Haberá aforo limitado a 300 persoas e hai que anotarse para acudir a ese concerto, que é de balde. Os que vaian gozarán da cultura con total seguridade, debido ao protocolo covid-19 que poñeremos en marcha”.
Os asistentes ao concerto de Roi Casal este sábado poderán gozar do espectáculo Son galego, son cubano. As persoas interesadas en acudir a esta cita poden anotarse na Casa da Xuventude chamando ao 982 58 11 41 en horario de 10 a 14 horas ata o vindeiro venres. Terán que deixar o nome completo, un teléfono de contacto e o número de persoas que van nese grupo. E ademais o mesmo día do concerto entre as 19:00 e as 20:30 horas tamén poderán anotarse na billeteira do auditorio municipal.

Exit mobile version