A Mariña, 21 de outubro de 2020. A iniciativa Cociñando A Mariña Lucense, posta en marcha pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense en colaboración coa FCAM e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, lanza un concurso de vídeo-receitas para o público xeral despois de ter dado a coñecer o traballo dos distintos produtores existentes no territorio durante case un mes. O certame desenvolverase do 23 de outubro ao 22 de novembro e haberá interesantes premios para os tres gañadores.
Desde a Mancomunidade explican que “o obxectivo desta iniciativa no seu conxunto, pasa por posicionar a comarca como referente do turismo gastronómico e por poñer en valor aos produtores, aos produtos e á gastronomía local. Trátase dunha acción de resposta á actual crise sanitaria que está a sufrir o sector, apostando por revitalizar os recursos endóxenos e situar á comarca como un destino turístico gastronómico. Unha iniciativa ecogastronómica novidosa coa que dar a coñecer os produtores e alimentos da comarca, onde se convida á hostalería a cociñar elaboracións con produtos locais a través de vídeo receitas e onde se convida a participar á cidadanía nun concurso de receitas de gastronomía local mariñá”.
E indican que “participar neste concurso é moi sinxelo. Só hai que gravar en vídeo unha receita elaborada cos alimentos que se producen na Mariña Lucense como ingredientes principais do cociñado. Gañará a vídeo-receita máis orixinal, que facendo uso de alimentos da Mariña Lucense, mostre tradición e innovación, tanto na realización do vídeo como na elaboración da receita”.
Os premios do concurso buscan dar a coñecer e desfrutar aos premiados dos recursos tan valiosos da comarca.
1º Premio:
-Fin de semana no Hotel Rías Altas de Barreiros para dúas persoas, para vivir unha experiencia de turismo slow.
2º Premio:
-Ruta da Faba de Lourenzá para dúas persoas. Trátase dunha experiencia turística completa que combina arte, natureza, gastronomía e cultura local.
3º Premio:
-Cesta de alimentos da Mariña Lucense para degustar no fogar das delicias desta comarca.
Dende este venres, día 23, ata o día 22 de novembro ás 00:00 pm, que será cando se peche o concurso, poderán enviarse a cocinando@amarinalucense.gal as vídeo-receitas. Logo procederase á selección dos 3 finalistas por parte do xurado, que estará composto por profesionais do sector da hostalería e do comercio, entre outros. Poden consultarse as bases do concurso na web amarinalucenese.gal na sección do proxecto Cociñando A Mariña Lucense.
Desde a Mancomunidade engade que “para buscar inspiración para o concurso, a hostalería local colabora coas súas propias vídeo-receitas coas que mostrar o exemplo de cociñado dos alimentos da Mariña. Actualmente en plena gravación mañá, xoves, comezará a divulgación das 17 receitas a través das redes sociais de Turismo da Mancomunidade e do seu canal de Youtube. Foron 16 restaurantes que accederon a participar e tamén colabora o IES de Foz gravando con dous alumnos de Hostalería, un do módulo de adultos e o outro do módulo ordinario, a súa receita”.
Os locais participantes son: O Asador e o restaurante panorámico do Hotel Thalasso Cántabrico Las Sirenas, de Viveiro; Pizzeria Onde Sempre e Lugar das Marías, de Xove; Casa Miranda e Sargo, de Burela; Mesón O Tangarte, O Descanso e Xoíña, de Foz; O Asador del Alba e Rías Altas, de Barreiros; O Mazo de Ferreira Vella, de Riotorto; e O Lar de Manolo, O Marinero, Araucaria Gastronómico e Hotel-Restaurante Javier Montero, de Ribadeo.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, asegura que “cremos na gastronomía local e no turismo gastronómico, e especialmente naquel que se asenta nos produtos de proximidade e de tempada como unha forma de diversificación do xeodestino en base aos recursos propios, desenvolvendo unha tipoloxía de turismo de calidade que nos permite atraer a curto prazo a un viaxeiro que realiza un gasto medio mais elevado que o turista tradicional, tamén de desestacionalización (cada época do ano a terra e o mar co traballo dos produtores, cociñeiros e cociñeiras permiten elaborar unha oferta diferente) e descentralización (temos produtos locais e hostaleiros con moito que ofrecer tanto nos 8 concellos de costa coma nos 8 de interior) da actividade turística e, en definitiva, de desenvolvemento local impulsando accións que promovan circuítos curtos e unha relación directa entre consumidores e produtores. Por iso nace Cociñando A Mariña Lucense, unha iniciativa que antes da pandemia se pensaba realizar de xeito presencial cunha xornada coa que axudar a poñer en contacto aos produtores locais co sector da hostalería e que tivemos que adaptar aos tempos que corren e a un formato mais dixital”. Cajoto anima á poboación mariñá a participar no concurso de vídeo-receitas, que arrinca este venres: “algún Carlos Arguiñano ou Pepe Solla andará escondido nas nosas casas… ¡esperamos que todo o mundo se anime a participar!”
As persoas interesadas en obter máis información poden consultar a web amarinalucense.gal na sección da iniciativa Cociñando A Mariña Lucense e en:
@A Mariña lucense turismo
@visitamarinalucense
@amarina_turismo