As obras consistirán na instalación dun colector primario transversal, que discorrerá ao longo de máis de 2 quilómetros ao carón da CP-0611 e que subministrará auga aos núcleos de Remior e San Bartolo. Ademais, aproveitando a execución da zanxa principal, levarase a cabo unha pequena rede secundaria paralela ao colector principal que dará servizo a outras sete vivendas.
A alcaldesa de Barreiros explicou que “o concello iniciará agora o procedemento administrativo para licitar as obras que deberán estar rematadas a finais de xuño, de cara ao inicio do verán, cando se ocupan as residencias vacacionais da zona e o servizo de abastecemento soporta unha maior demanda”.
A reforma solventará os problemas de roturas das canalizacións, que se repiten especialmente na época estival xa que a infraestrutura actual non se axusta ás necesidades do incremento de poboación.
A deputada Mónica Freire subliñou que “se trata duha colaboración orientada a mellorar a calidade dos servizos públicos no rural, na mesma dirección que os investimentos e plans que vimos desenvolvendo desde esta área”.
Medio Rural achegará 175.000 euros para a execución das obras, orzamentadas en 217.000 euros. O Concello asumirá os 42.000 euros restantes.