“A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación (á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda) está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación. É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio”, asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A este respecto, reitera que non se pode seguir perdendo o tempo en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas. “Os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional”, afirma.
Carril explica que a representación social presentará as correspondentes demandas xudiciais para impugnar o ERE, pero esta vía ten uns tempos máis longos que os prazos marcados pola empresa. Polo que resulta inevitábel a intervención da planta para evitar os despedimentos e que Alcoa acerne de maneira irreversíbel as capacidades produtivas do complexo industrial de San Cibrao.
Así as cousas, a CIG insta a intensificar as mobilizacións e a manter a unidade de acción como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación.