Burela, 23 de outubro de 2020. Alumnado de 1º de Primaria do Ceip Vista Alegre, de Burela, participou nunha actividade organizada polas monitoras de Gaia titulada O Ciclo da Auga. A través dun mural coñeceron o ciclo da auga (evaporación, condensación e precipitación).
Desde Gaia explicaron que “fixemos varios experimentos aprendendo como se produce a evaporación da auga, a condensación e a precipitación. Tamén realizaron un experimento O transporte da auga nas plantas no que un pano de papel se empapa de auga, a auga ascende ata alcanzar o punto máis elevado, aprendendo que a auga non vai necesariamente de arriba cara abaixo, senón que tamén pode moverse en dirección contraria. O experimento mostrou dunha forma sinxela o principio do sistema capilar. Un exemplo deste sistema é o das plantas que comeza nas súas raíces e remata nas puntas das follas máis altas. A auga é absorbida polas raíces e transportada hasta as puntas das follas en grupos capilares, chamados vasos condutores”.
As monitores de Gaia engadiron que “para rematar cada alumno realizou nunha bolsa plástica totalmente transparente o ciclo da auga con auga tintada con colorante alimentario de cor azul. Os mares e océanos do mundo conteñen aproximadamente o 97,5 % de toda a auga da terra. O 2,5 % restante da auga do mundo é auga doce en forma de xeo, auga subterránea, humidade do chan, así como augas superficiais (lagos e ríos) e auga da choiva. Coa elaboración deste pequeno ciclo da auga, resultou máis sinxelo para os alumnos imaxinarse o ciclo da auga na terra”.