Lugo, 20 de outubro de 2020. A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación das XIII Xornadas Abrindo Camiño que se celebran esta fin de semana en Mondoñedo para promocionar a ruta xacobea do Norte. Están organizadas pola asociación do mesmo nome (Abrindo Camiño), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Mondoñedo. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias; Luís Fernández Ansedes, presidente da entidade organizadora, e a concelleira Patricia Otero.
O Goberno galego patrocina as xornadas, que serven para poñer de manifesto a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica da ruta, mediante charlas, visitas guiadas, exposicións ou concertos.
A programación desenvolverase entre o venres 23 e o domingo 25 de outubro. Inclúe exposicións de fotografía, do Museo das Zocas e da artesanía do barrio dos Muíños, con traballos en vivo, grazas ao apoio da Fundación Artesanía de Galicia. A música e os libros terán un lugar destacado, con concertos de A Quenlla, Louband Street e César Morán Trío. Igualmente, no marco das xornadas presentaranse os libros “Memoria de mariñáns”, de Martín Fernández Vizoso, e “No baleiro dunha soidade”, de Mero Iglesias.
No aspecto gastronómico, o sábado está prevista unha degustación de produtos distinguidos con denominacións de orixe ou indicación xeográfica protexida de Galicia, precedida da charla “Os Camiños de Santiago como motor de desenrolo: dos produtos autóctonos á artesanía e a hostalería”. As persoas interesadas poden consultar o programa completo nas redes sociais do Concello de Mondoñedo.
O delegado territorial subliñou o “esforzo realizado pola asociación Abrindo Camiño para manter estas xornadas no contexto actual” e lembrou que este tipo de eventos “axudan á dinamización social, cultural e económica das vilas e á difusión do fenómeno Xacobeo”. O Goberno galego, engadiu, “traballa coas asociacións do Camiño, co turismo, a hostalería e o sector cultural para formular un Xacobeo 2021 que sexa motor da recuperación económica en Galicia”.