Lugo, 20 de outubro de 2020. A Consellería do Medio Rural aprobou axudas por valor de 1.062.399 euros destinadas a 28 Agrupaciacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) da provincia de Lugo para o período 2020-2021.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que con estas achegas finánciase a contratación de persoal veterinario encargado da supervisión e execución do programa sanitario de prevención e control de enfermidades dos animais. Tamén se sufragan gastos derivados da compra de material funxible como luvas e calzas, así como tubos de extracción de sangue e agullas.
Os programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo de 2020 e o 28 de febreiro de 2021. Estas axudas serven para abordar o control de determinadas enfermidades animais que habitualmente non son obxecto de programas nacionais, salvo no caso da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), na que o Estado estableceu un programa nacional voluntario en setembro de 2019.
Na especie de bovino, benefícianse das achegas 26 agrupacións da provincia, 11 delas da área de Lugo -Aira SCG, Sarria, Terras da Ulloa-Pallares, Río Neira, Río Narla, Bubela, Castelo Verde, O Páramo, Gandeiros do Corgo, Paradela e Santa Isabel -; 8 da área de Vilalba -A Lagoa, Miño-Eo, Galicia Centro, Vilam, Gandeiros de Pol, Castro de Rei, A Pastoriza e Trimaz-; catro da área de Becerreá -Montaña Lucense, Suarna, Becerreá e Fonsega- ; dúas da área de Monforte de Lemos – Vacasán e Lemos SCG- e unha da área de Mondoñedo -A Mariña-.
En canto ao sector porcino, aprobáronse achegas para as agrupacións Porcino Lugo Centro Norte e Porcino Lugo Sur. A resolución completa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Aumento da rendibilidade das explotacións
Grazas á aplicación destes programas, increméntase paulatinamente a rendibilidade das explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios e facilitando o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal. Cómpre destacar que Galicia é a única Comunidade Autónoma que mantén, ano tras ano, esta liña de axudas financiada con fondos propios e para abordar o control de determinadas enfermidades animais que non son obxecto de programas nacionais, co fin de contribuír á mellora sanitaria da cabana gandeira apoiando economicamente o soporte técnico e de material aos gandeiros.
Ademais destas axudas, a Xunta colabora tamén coas entidades gandeiras para asumir os custos das analíticas de laboratorio, onde ás mostras dos animais das explotacións integradas en ADSG se lles aplica unha taxa de análise reducida no Laboratorio de Sanidade e Produción de Galicia, e co desenvolvemento de aplicacións informáticas que faciliten o traballo aos seus técnicos.