O responsable da Escola, Felipe Sánchez Fernández, amosa o seu “contento pola resposta dos usuarios que seguen a confiar no centro e pola implicación, disposición e entusiasmo do plantel de 7 docentes que desexan sacar adiante o curso”. Tamén quere mostrar o apoio institucional, que considera fundamental e máis se cabe nunha situación coma esta.
Aínda que algunhas das actividades programadas non poderán realizarse por mor da situación actual, o centro ideará alternativas que permitan amosar o traballo da escola, como viñeron facendo xa no curso pasado, no que se puido gozar das audicións virtuais.
Felipe Sánchez destaca que “o abanico nas posibilidades de ensinanza da escola fai que cada ano se vexa incrementada a demanda e nalgúns casos se conte con lista de espera”.
A edil de Cultura incide en que “se seguen todas as medidas de hixiene e seguridade, que este ano por mor do COVID se incrementaron para que todo o mundo poida acudir á escola de forma segura. Ademais todos os profesores pasaron probas COVID antes do comezo do curso, medida que nos pareceu absolutamente imprescindible para que tanto profesores como alumnos comecen o curso con todas as garantías”.
“Dende o Concello queremos agradecer a enorme implicación do claustro de profesores, que fai que a escola sexa un referente e que só escoitemos boas palabras por parte do alumnado”, indica López Couto, quen engade que “a Escola de Música de Foz, que cada ano continúa en crecemento, incrementou este ano as horas do profesorado e mellorou as condicións das aulas para poder ofrecer un mellor servizo. Continuarase nun traballo en conxunto da Concellería de Cultura e a dirección do centro para aplicar as melloras necesarias e que este continúe sendo un espazo de aprendizaxe e goce da música”.