Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora con ASPNAIS nun programa de intervención psicolóxica para 40 usuarios e usuarias

 Lugo, 7 de outubro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (APSNAIS), José Reigosa, asinaron este mércores no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 5.000 euros ao colectivo.

O mandatario provincial, acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou de que dita achega permite a ASPNAIS desenvolver o programa de intervención psicolóxica en persoas con discapacidade intelectual. Trátase dunha formación, dirixida a 40 usuarios, para que traballen cunha psicóloga emocións básicas como a empatía, a tristeza, o medo ou a alegría, entre outras, a partir das necesidades detectadas pola entidade co fin de mellorar o seu benestar e integración.

José Tomé puxo en valor a constancia e o traballo de ASPNAIS “para que Lugo sexa unha provincia integradora e igualitaria en todos os ámbitos, como o laboral, o educativo ou o social”. Neste senso, o Presidente subliñou que dende a Deputación “traballamos da man cos colectivos sociais da provincia para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os veciños e veciñas. Amosamos, deste xeito, o noso compromiso coas asociacións que loitan día a día por eliminar barreiras, xa sexan físicas ou psicolóxicas”.

Así mesmo, José Tomé lembrou a estreita colaboración da Deputación con este colectivo, como a cesión gratuíta das instalacións do antigo hospital de San José, que permitiu duplicar as prestacións que ofrece e mellorar, deste xeito, o servizo. Actualmente, ASPNAIS atende a máis de 130 persoas en toda a provincia.

Exit mobile version