A realización deste proxecto permitirá reconstruír a historia do movemento obreiro na provincia, dos seus traballadores, e da reorganización e reconstrución da democracia e das liberdades sociais. Así mesmo, a iniciativa axudará a recuperar o patrimonio histórico documental xerado por estes movementos, a fin de clasificalo, difundilo e poñelo a disposición dos historiadores e dos veciños e veciñas.
A Fundación Luís Tilve é unha entidade cultural sen ánimo de lucro, constituída en 1989, que considera necesario o estudio histórico dos movementos sociais, sindicais e políticos contemporáneos, así como a conservación e recuperación da documentación das organizacións obreiras, de cara a contribuír coa investigación histórica e socioeconómica de Galicia e coa análise da súa realidade social. As súas actividades compleméntanse coa organización de exposicións, xornadas, cursos, foros, conferencias, premios ou calquera outra actividade dirixida a cumprir cos obxectivos da entidade.