Site icon Crónica3.com A Mariña

A Compostaxe doméstica chega a 30 novas vivendas de Burela

 Cerceda, a 21 de outubro de 2020.- No marco da colaboración materializada no seu momento entre o Concello de Burela e Sogama para a implantación e posterior ampliación dun programa de compostaxe doméstica, o ente local solicitou de novo o apoio da empresa pública para estender esta iniciativa a 30 novos fogares e facer posible que estes se beneficien das súas bondades.

As vivendas deben ser unifamiliares e contar con terreo (horta ou xardín) no que poder aplicar o compost obtido, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica in situ e evitando o seu depósito no contedor verde convencional, contribuíndo ao mesmo tempo ao aforro de custos. Para isto contarán con igual número de composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitando que o proceso se leve a cabo dunha forma máis cómoda e hixiénica.

A fin de explicar os pormenores desta iniciativa, os burelenses interesados recibirán un curso de formación presencial, impartido por un técnico de Sogama.

Con esta nova partida de composteiros, xa suman 184 os recipientes subministrados por Sogama a Burela.

De forma complementaria, os cidadáns teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que atoparán toda a información sobre a autocompostaxe, así como recursos didácticos e divulgativos que lles permitirán comprender mellor e interiorizar a operativa a seguir para obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente e, desta forma, poidan aplicalo ao solo con garantías.

A día de hoxe, un total de 353 entidades atópanse adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas máis de 14.300 composteiros.

Exit mobile version