Site icon Crónica3.com A Mariña

“Volta ó cole sen programación”, por Antonio Gregorio Montes

As programacións son a expresión dun sistema que na actualidade constitúe a base e a estrutura do ensino regulado. Xeneralizando -e deixando para outro momento a discusión educación / ensino, necesaria pola confusión de hai moitos anos entre ambos termos na regulación e nas cabezas de moita xente- na estrutura educativa funciónase en base a papeis onde está escrito que, como e cando facer, a máis dos obxectivos (e só esbozado ‘daquela maneira’ o por que).
A estrutura desas programacións é piramidal, no sentido de que hai definidas unhas normas estatais afinadas autonomicamente e precisadas centro a centro. E non sempre se logra chegar á precisión sen contradicións diversas e / ou sen perder a lóxica educativa / de ensino polo camiño. Ese feito vese agravado nestas datas non só pola incidencia directa da pandemia na organización do comezo deste curso, senón porque os obxectivos e organización do curso pasado víronse trastocados asemade pola pandemia. E, para redirixir o curso da historia, tense liberado polas administracións documentos rápidos, moi discutibles, variables dunha a outra comunidade pero sobre todo, dentro da comunidade, no tempo, e máis aínda, tardíos. Os centros vense incapacitados para asumir os cambios por falta de recursos financieiros, materiais e humanos, e por falta de tempo… De feito, o que motiva que escriba isto non son as noticias xerais que están aparecendo nos medios, senón unha visita que fixen a pasada semana ó meu antigo instituto, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo. Alí puiden comprobar o alivio que supuxo rematar de coñecer ese mesmo día, mesmo de xeito non oficial (en principio, pola prensa), unha ampliación dunha semana para o comezo do curso. É dicir, dende outro punto de vista, unha semana menos de clases. Ampliación necesaria non tanto para rematar de adecuar espazos (que tamén, aínda que neste caso en moitos aspectos non se esperou á Consellería, aínda a risco de ter que rectificar) como para estruturar distribucións, horarios, normas… As horas metidas para a reorganización e rereorganización de espazos, sinalización, adecuación a usos diferentes, etc, as cousas máis visibles, eran evidentes. ‘Polo centro non vai quedar’ era o pensamento que animaba a dirección e imprimía a mecánica ó profesorado e persoal non docente… pero o centro chega onde chega, e se xa antes os espazos estaban ocupados, agora, con necesidade dun círculo de 4,5 m2 para cada persoa, alumno ou profesor, aínda que estean ben quietiños, significa unha redución de espazo substancial, e con ilo a necesidade de novos espazos e aumento de persoal para poder usalos. Bibliotecas que cunha provisionalidade indeterminada pasarán a facer de aula despois dunha reorganización de mesado, e sen perder a posibilidade de que en parte sigan a cumprir a súa misión, son unha parte doada das actuacións. E non, non é que non sexan necesarias as bibliotecas…
Medo, desinformación, interrogantes, substitúen en toda a rede educativa a a previsión, programación, preparación. A xente, nos propios centros, pregúntase que fixeron as institucións dende maio, cando xa se supoñía que o retorno ás clases ía ter outras premisas diferentes a cursos anteriores. Rectificar, como fixo a Consellería xa nalgún aspecto, é de sabios, aínda que sexa baixo presión. Crear situacións rectificables de saída… iso, polo contrario, é de burros. E que non se nos esqueza: aínda que pareza que duns máis que doutros, a administración é de todos. E cabe preguntarnos se nós puxemos e poñemos a nosa parte, sexa en voto, sexa en presión, sexa en colaboración, ou no que sexa. Porque nunca é tarde para todo, sempre hai algo no que poñer o gran de area na reconstrución contínua da sociedade.

Exit mobile version