“Tiñamos moitas ganas de xogar. Será unha cita importante por ser a primeira, estamos desexando poñer en práctica todo o traballo de pretempada, do novo equipo, coas novas fichaxes, para ver como nos sentimos e como nos axustamos sobre a pista. É un partido para gozar e ter boas sensacións”, falaba así Cilene do Memorial, do que as burelistas ostentan o galardón 2019. “É un club co que temos moi boa relación; tivemos a oportunidade de compartir adestramentos e disputar algún amigable xa en tempadas pasadas” reflexionaba así a 6 laranxa do especial que é para as Guerreiras abrir as citas de pretempada na localidade asturiana.
O deste sábado será o primeiro test para estar ao cento por cento o 17 de outubro para o inicio de liga, con outros compromisos previos marcados como Copa Galicia ante Amarelle o día 10: “Tendo datas de partidos o aliciente é maior; temos metas reais e nótase nos ánimos”, confesaba Cilene, a última en incorporarse á dinámica de grupo hai un par de semanas, tras cumprir co protocolo de confinamento tras a súa chegada de Brasil.
Julio Delgado e Lucas dispoñerán de todos os efectivos a excepción dunha das novidades, Cely, por un edema articular no xeonllo.