Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón pide a Feixóo que interveña as residencias para asumir o control e evitar que volvan ser a zona cero da pandemia

Santiago de Compostela, 24 de Setembro 2020. Con dous novos casos de contaxios masivos en residencias da terceira idade que suman máis de cen persoas infectadas en 24 horas, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que reaccione e interveña todas as residencias para asumir o control público e blindar estes centros cun obxectivo: evitar que volvan converterse na zona cero da pandemia como sucedeu na primeira onda, deixando un tráxico balance de vítimas, pois o 45% dos falecementos foron de persoas usuarias das residencias.
“O Goberno non pode seguir eludindo a súa responsabilidade e por iso o BNG levou ao Parlamento a creación dunha comisión de investigación para analizar o que pasou, corrixir erros e avanzar cara un novo modelo que permita garantir o dereito a unha vellez digna”, explicou Pontón a súa chegada a Vilar de Barrio, en Ourense, antes do encontro con responsables municipais dos concellos afectados polos recentes incendios no sur desta provincia.
“O PP vetou esa comisión e o que pedimos é que ese veto non se estenda tamén ás medidas que urxe adoptar e os datos de contaxios masivos evidencian que están fallando os protocolos”, alegou, tras salientar que dada a situación o Bloque propón “que se interveñan todas as residencias de maiores para poder anticiparse e garantir medios e recursos suficientes, para garantir que se cumpre os protocolos e evitar que as residencias volvan ser a zona cero dos contaxios e dos falecementos. Trátase da vida das persoas maiores, por favor, pedímoslle ao goberno que se anticipe e que non comenta os mesmo erros”, reclamou.
“Temos a experiencia do que pasou na primeira onda da COVID19 e a responsabilidade do Executivo era tomar notas do erros, acabar coa improvisación e blindar as residencias porque estamos falando da vida dos nosos maiores que necesitan sentirse acompañadas e protexidas polas institucións”, afondou.

Pontón tamén expresou a súa preocupación pola situación dos rastrexadores tendo en conta que Galiza está á cola a localización dos focos de contaxio ao que se suma a falta de transparencia nos datos.
“Como é posible que agora o Goberno recorra ao exército despois de asegurar que hai 6.000 rastrexadores? Pedímoslle a Feixóo que abandono a improvisación e os bandazos e que se poñan a fronte asumindo as súas responsabilidades e, sobre todo, que deixen atrás as mentiras porque se había 6.000 rastrexadores por que ten que vir o exército a facer ese labor a Galiza”, interpelou, tras considerar que se trata doutra mostra da “improvisación e dos bandazos” que está a caracterizar a xestión do presidente da Xunta nesta crise.

Exit mobile version