Lugo, 27 de setembro de 2020. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes, no Pleno da Corporación provincial, unha moción para demandar á Xunta que recoñeza o carácter oficial a ruta xacobea coñecida como Camiño do Mar e que sexa incluída na promoción do Xacobeo 2021.
A voceira do PSdeG na Deputación, Pilar García Porto, sinala que este novo itinerario converterase nun novo atractivo turístico da provincia, xa que discorre polas vilas lucenses de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, e prosigue na provincia da Coruña, vía Mañón, Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño e Narón ata Neda.
A Deputada lembra que o Grupo Provincial Socialista fixo esta mesma petición no ano 2011 co fin de integrar dun xeito oficial o Camiño do Mar no conxunto das rutas xacobeas do que histórica, social e culturalmente forma parte. “Pero xa sabemos que os asuntos da Xunta van amodo, os lucenses temos exemplos palmarios da inactividade do Goberno de Feijóo na nosa provincia, infraestruturas, sanidade, educación, todo pode esperar”, lamentou.
García Porto remarca que “hai unha década, o acordo unánime desta Deputación falaba de impulsar o Camiño do Mar e o Camiño de Inverno porque “a actividade turística xoga un papel determinante na dinamización económica”. Por iso, denuncia que “o Camiño do Mar segue sen ser recoñecido dun xeito oficial a pesares daquela iniciativa”.
Nesa liña, tamén puxo en valor “o traballo de divulgación levado a cabo por asociacións históricas, turísticas, de veciños ou de comerciantes, así como pola Asociación de Amigos do Camiño na Provincia de Lugo. A pesares das reclamacións efectuadas polos alcaldes da Mariña ó longo destes dez anos segue sen ter ese recoñecemento”.
Tamén lembrou que nas xornadas Abrindo as portas. O Rexurdir do turismo, organizadas pola propia Deputación, o Alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, incidiu nesta idea, aínda máis urxente no momento actual. “Por que agora é oportuna esta iniciativa?, por mor do especial impacto da covid na Mariña. Unha comarca que precisa que se faga unha aposta de recuperación económica de tódolos sectores produtivos. Dun xeito especial, dun turismo moi golpeado polas limitacióna impostas pola crise sanitaria”, afirmou.
Existen enterramentos e documentos dos peregrinos na Mariña
Hai que lembrar tamén que do seu percorrido entre Ribadeo e Cedeira consérvase case a totalidade de establecementos hospitalarios de atención ós viaxeiros, como os hospitais de Ribadeo, San Martiño, Cervo, Celeiro ou Santiago de Viveiro. Ademais, existen enterramentos e documentos episcopais que deixan tamén testemuña histórica da pegada dos peregrinos na Mariña.
Por todo isto, García Porto pregúntase “por que a Xunta lle nega a esta comarca unha ferramenta de modernización e dinamización do turismo de pegada nacional e internacional”.