Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclaman á Xunta que asuma as labores de desinfección nos centros educativos da provincia que están afrontando os concellos

 Lugo, 26 de setembro de 2020. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación, que a Xunta de Galicia asuma o custe das labores de desinfección derivadas da pandemia da Covid nos centros educativos da provincia de Lugo, un importante desembolso económico que están a afrontar os concellos, cando as competencias son da comunidade autónoma.

O PSdeG denuncia a improvisación do Goberno galego ante o inicio do curso e a aprobación unilateral do protocolo da Covid. Tamén solicita que “a Xunta realice directamente as tarefas de desinfección dos centros educativos derivadas das necesidades impostas pola loita contra a pandemia, por non ser unha competencia dos concellos, asumindo a totalidade do sobrecusto derivado da implantación do protocolo Covid”.

Na súa proposta, os socialistas tamén piden “un plan estratéxico para coñecer como vai empregar a Xunta os preto de 93M€ do Fondo Covid-19 que lle achega o Estado”. E por último empraza á Xunta de Galicia “a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto funcionamento do curso escolar”.

Protocolo aprobado sen negociación
O protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-2021 foi elaborado e aprobado o pasado 22 de xullo unilateralmente pola Consellería de Educación, a cal se negou a negociar as medidas previstas, así como a proporcionar os recursos necesarios para a súa implantación. “Este protocolo atendía só a criterios económicos, por enriba da calidade educativa e das garantías sanitarias, e deixaba en mans das equipas directivas, do profesorado, das nais e dos pais, dos diferentes concellos a responsabilidade da súa planificación e execución”, asegura o PSdeG.

93M€ do Estado
Os socialistas lembran que o BOE informou dous días despois de ser aprobado este protocolo que Galicia percibirá 93M€ no reparto do fondo Covid habilitado polo Estado, pero en lugar de destinar parte destes recursos a pagar o custo dos traballos de desinfección dos centros, a Xunta deriva esta responsabilidade aos concellos.

O lema de Feijóo: “vos ide facendo e, sobre todo, ide pagando”
O PSdeG asegura que, “mentres Feijóo pide por carta a colaboración aos alcaldes, a actitude da Xunta cara os concellos pódese resumir coloquialmente nun “vos ide facendo e, sobre todo, ide pagando”. Por todo isto, os socialistas reiteran o seu compromiso de colaboración leal na loita contra a pandemia e reclaman á Xunta de Galicia que exerza as competencias que ten atribuídas polo Estatuto de Autonomía en educación e sanidade.

Exit mobile version