Site icon Crónica3.com A Mariña

O secretario xeral confederal, Unai Sordo, afirma que CCOO deixará a pel en defensa dos postos de traballo en Alcoa-San Cibrao

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020. Comisións Obreiras (CCOO) «está en disposición» de asinar un acordo sobre os ERTE, unha ferramenta que serviu para salvar millóns de empregos en todo o Estado, e faríao «nas próximas horas ou na fin de semana, se fose preciso». Así o afirmou este mediodía o secretario xeral confederal, Unai Sordo, ao remate do Consello Nacional de CCOO de Galicia, que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela.

O dirixente sindical salientou que, «por vez primeira nas nosas crises», conseguiuse que a caída da economía (-18 %) e das horas traballadas (-15 %) non fosen parellas a unha caída similar do emprego. Grazas aos ERTE «salváronse millóns de postos de traballo», insistiu Sordo.

«Coa proposta que onte tiñamos na mesa», explicou o secretario xeral confederal de CCOO, «dáse resposta a boa parte das demandas sindicais para a renovación dos ERTE», que manterían os dereitos económicos para as traballadoras e os traballadores, melloraríase a súa prestación —manténdoa no 70 % da base reguladora—. Asemade, «sería un modelo aplicable en caso de regromos ou novas restricións», apuntou.

Unai Sordo tamén lle enviou unha mensaxe á patronal CCOO: «non hai motivo ningún para as asociacións empresariais non subscribiren este acordo». Na súa opinión, a formulación dos ERTE abrangue a todos os sectores e permitiría «evitar despedimentos por millóns». O custo económico «é moi substancial, pero vale a pena», concluíu.

CCOO deixará a pel en Alcoa

Canto á situación das negociacións para a venda de Alcoa-San Cibrao, Sordo afirmou que «cómpre presionar a Alcoa para que faga o que ten que facer. Non nos resignamos á mensaxe de que non vai vender». «Hai que presionar e dar saída razoable aos traballadores e manter a actividade industrial», insistiu o dirixente sindical. «Imos deixar a pel para que sexa así, e ao saírmos de aquí [do Consello Nacional de CCOO de Galicia] iremos á Mariña para estar cos traballadores».

Diálogo social en Galicia

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, falou da situación do diálogo social no noso país. «Hai escasas horas demos o pistoletazo de saída», afirmou en referencia á declaración institucional asinada o mércores «entre o Goberno galego e as forzas que consideraron que neste momento é necesario arrimar o ombreiro».

Sarmiento salientou que CCOO «coma sempre, está e estará propoñendo e tentando chegar a acordos ao redor das nosas propostas». Puntualizou que a crise sanitaria «terá efectos que non poderemos corrixir», pero tamén «abre escenarios que deberemos aproveitar, como os fondos adicionais que estarán a disposición polo cambio de paradigma a nivel europeo».

O secretario xeral de CCOO de Galicia tamén exhortou o presidente da Xunta a que os orzamentos do próximo ano teñan «necesariamente» un carácter expansivo para contribuír á recuperación do país.

Exit mobile version