Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP espera contar co apoio de PSOE e BNG para instar a SEPES e SEA a rebaixar o prezo do solo nos polígonos industriais que xestionan

 Lugo, a 25 de setembro de 2020. Estimular o asentamento de empresas esixe crear as condicións idóneas en materia de infraestruturas e custes para o desenvolvemento dos proxectos empresariais. Neste sentido, o custe do solo industrial é peza clave das políticas para atraer empresas. Os polígonos industriais xestionados a través de Xestur ofrecen prezos moi competitivos; non ocorre o mesmo nos parques empresariais xestionados pola Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES) e por Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. (SEA).

O Grupo Provincial do PP defenderá unha moción no próximo pleno da Deputación para instar a SEPES e a SEA a rebaixar o prezo do solo nos parques empresarias por elas promovidos na provincia. Igualmente, segundo explica o vicevoceiro, José Antonio García, demandará que a Deputación “asuma os compromisos adquiridos por Suplusa, agora en liquidación, para construción e xestión, con prezos competitivos, de modo que se garanta aos concellos a continuidade dos parques empresariais que estaban programados”.

A Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES) promove na provincia de Lugo os parques industriais de Ribadeo e Sarria, mentres que Suelo Empresarial del Atlántico, S.L. (SEA) asume os de Monforte, Rábade e Mondoñedo. Polo tanto, son varios os concellos na provincia de Lugo cuxo desenvolvemento industrial depende de SEPES e de SEA e, polo tanto, do Estado.

Á vista da actual situación é evidente que algúns destes parques empresariais non responderon, ata o momento, ás expectativas que suscitaron; o custo do solo converteuse nunha das principais dificultades para a súa ocupación. Os populares consideran que para que estes parques empresariais sexan competitivos co solo industrial desenvolto noutros concellos, dependente fundamentalmente da Xunta de Galicia, a través de XESTUR, ou no seu caso da Deputación, ata agora por medio de SUPLUSA, é preciso que a oferta de solo por parte de SEPES e SEA se efectúe a un prezo similar ao de outras administracións.

A Xunta de Galicia trata de incentivar a compra de solo industrial público por parte das empresas e para iso ofrece máis facilidades aos interesados en adquirir estes terreos. Con ese obxecto, o Goberno galego puxo en marcha unha liña de bonificacións no prezo das parcelas, ampliación dos prazos para facilitar os pagos ou, máis recentemente, o denominado dereito de superficie. O obxectivo final é incentivar a aquelas empresas que opten pola nosa provincia e pola nosa C.C.A.A. para xerar actividade económica e crear novas oportunidades de emprego. Existen fórmulas para facer do solo industrial dispoñible, ou futuro, espazos atractivos para a implantación de empresas.

Os deputados provinciais –así o reafirma García- consideran que o Goberno galego vai na boa dirección á hora de decidir ofertar solo industrial a un prezo máis accesible. “Desde que o PP accedeu á responsabilidade do Goberno en Galicia impulsa a posta en valor da infraestrutura industrial existente, desde o propio solo empresarial ata incentivos no aluguer, para atraer tanto novo investimento produtivo como impulsar a actividade interior, isto é, das empresas xa emprazadas na provincia que poidan precisar deste solo”, sinala.

Esta proposta do Grupo Popular prodúcese cando se constatan os primeiros síntomas de desaceleración da economía. Por elo, “é urxente facer que empresas e emprendedores recobren a confianza e impulsar a súa actividade inversora. Coa finalidade de impulsar os ditos parques empresariais, atraer investimentos que permitan fixar novas oportunidades profesionais, que incentiven o crecemento produtivo, económico e laboral nas comarcas nas que se situan, é necesario que a institución provincial se dirixa a SEPES e a SME para que rebaixen o prezo do solo nos parques empresarias que promoven e xestionan na provincia de Lugo, conclúe o vicevoceiro do PP.

Exit mobile version