Site icon Crónica3.com A Mariña

O “Peixe de Burela” completa as súas Rutas Xacobeas Gastronómicas

 Burela, 25 de setembro, 2020. Esta fin de semana terminan as xornadas gastronómicas “Orixe & Destino Galicia”, unha campaña da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores que tivo lugar durante as últimas dez semanas nos restaurantes da rede de Paradores de Turismo de España ubicados nas distintas rutas do Camiño de Santiago.
O Parador Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, acolle ata o domingo 27 de setembro a derradeira etapa do camiño coa súa receita de “Pescada do Pincho de Burela en sidra e mazá en texturas”.
“Orixe & Destino Galicia” é unha campaña de promoción de OPP Lugo e Paradores que combina a gastronomía, a calidad do produto pesqueiro de Burela e a importancia da Orixe e Destino Galicia; na que dúas das principais especies da lonxa ABSA de Burela, o Bonito e a Pescada de Burela, foron percorrendo as distintas rutas cara Santiago.
Este Camiño Gastronómico, con orixe e destino en Compostela, tivo lugar durante as últimas dez semanas nos restaurantes da rede de Paradores de Turismo de España ubicados nas diferentes rutas do Camiño de Santiago: o Camiño Mozárabe (Parador de Granada, Andalucía); a Vía da Prata (Parador de Mérida, Extremadura); o Camiño de Madrid (Parador de La Granja, Segovia, Castela e León); o Camiño Norte (Parador de Santillana del Mar, Cantabria; e Parador de Cangas de Onís, Asturias); o Camiño Francés (Parador de Villafranca del Bierzo, Castela e León; e Parador de Olite, Navarra); e o Camiño de Fisterra (Parador Costa da Morte, Muxía, A Coruña).
Agora, xa de volta en Santiago de Compostela, destino de millóns de peregrinos, a Pescada do Pincho de Burela esta fin de semana será a protagonista gastronómica nun dos hoteis máis luxosos e belos da rede de Paradores: coñecido como Hostal dos Reis Católicos, o Parador de Santiago mistura historia, arte e tradición, e ubícase na Praza do Obradoiro formando coa catedral un ángulo de espectacular beleza nunha das capitais máis visitadas do mundo.
A Orixe & Destino perfectos para pechar a segunda edición desta campaña de promoción na que o “Peixe de Burela” percorreu os fogóns de nove Paradores ubicados en sete comunidades autónomas diferentes: Navarra, Cantabria, Castela e León, Andalucía, Extremadura, Asturias e Galicia.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.

Exit mobile version