Burela, a 9 de setembro de 2020. O Grupo Municipal Popular do Concello de Burela asegurou hoxe que “o Sr. Fernández Rey mentiu onte durante a celebración do pleno extraordinario ao dicir que dende a segregación todo o que se levaba feito na Marosa era obra ou do goberno municipal bipartito ou do goberno actual, o que demostra o seu absoluto descoñecemento da historia recente do recinto deportivo”.
Os populares explican que “o campo de fútbol é de propiedade municipal porque foi adquirido polo goberno local de Manuel Mon en 1997. A tribuna pequena foi construída habendo gobernos do PP na Deputación e no Concello”.
E engaden que “as pistas de tenis, que substituíron a unha pista previa de cemento en mal estado foron feitas tamén con gobernos populares na Deputación e no Concello a principios de 2007”.
A primeira documentación que sae do Concello solicitándolle á Xunta o campo de herba artificial ten data de abril de 2007, “cun goberno municipal do PP. E o campo foi feito na súa totalidade polo primeiro goberno de Núñez Feijóo”, puntualizan.
“Se ben é certo que o goberno municipal bipartito fixo a pista de pádel, non é menos certo que a fixo sen autorización de Costas, co que houbo que legalizar a obra en 2012. E se ben é certo que o actual goberno municipal fixo os vestiarios do indicado campo, tamén é certo que toda a tramitación administrativa de encaixe da obra na normativa de Costas foi feita polo anterior goberno do PP, que tamén deixou elaborado un proxecto e parte da dotación orzamentaria para a súa construción”.
Igualmente, “o anterior goberno do PP deixou feita a instalación do rego do campo da Marosa e un campo anexo para adestramento, así como un punto de bombeo de saneamento no exterior das instalacións”, continúan.
“Non temos ningún reparo en recoñecer a idoneidade da reparación da tribuna norte, pero o que non estamos disposto a admitir é que se minta con tanto descaro, tentando apropiarse do que fixeron outros gobernos. Tanto é así que, falando de instalacións deportivas, e no referido ás ampliacións do pavillón Vista Alegre, a primeira ampliación, a grada oeste, foi feita con gobernos populares na Xunta e no Concello. E a segunda ampliación, a grada este, quedou adxudicada por un goberno municipal do PP en abril de 2007”, indican.
“A ignorancia de Fernández Rey é moi atrevida”, manifestan dende o PP burelés. Pero, “que se pode esperar de alguén que se presenta en público como o alcalde de Burela”, se preguntan dende o Grupo Municipal do PP.
As axudas aos comerciantes chegan tarde e mal
Os populares cren que “é moi importante que un Concello coma Burela manifeste a súa solidariedade con aqueles que o están a pasar mal na nosa vila. Pero tamén é certo que esta solidariedade chega tarde e, por desgraza unha vez máis, chega mal”, indican dende as filas populares.
“As queixas dende o tecido comercial de Burela non paran de medrar así como a propia indignación pola forma de repartir as axudas. E mentres, o Sr. Llano segue sen reunirse cos comerciantes da ACIA para asinar o convenio que lles recortara no anterior mandato reducíndoo dende os 18.000 euros que había co anterior goberno do PP ata os actuais 10.000”.