Sábado, 26 de setembro de 2020. O Concello de Viveiro informa aos veciños e veciñas do inicio das obras para a reposición e mellora de rede de saneamento, rede de pluviais e abastecemento de auga na rúa Arribada de Celeiro.
A rúa Arribada, que é o principal acceso de comunicación á rúa Grande, presenta un trazado sinuoso e a tipoloxía das edificacións que a flanquean confírenlle unha singularidade especial, mantendo a día de hoxe o aspecto dun asentamento tradicional mariñeiro.
O obxecto deste proxecto é a reposición da pavimentación da rúa Arribada en toda a súa lonxitude, así como a mellora de todos os servizos urbanos e a restructuración integral do mesmo, co obxectivo de garantir a funcionalidade e mellorar a calidade visual e urbana do contorno.
As actuacións que se pretenden realizar consisten en aumentar a sección dos tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais; dotar a este tramo do vial dunha rede separativa de pluviais; aumentar a sección da rede de suministro de auga potable, e así garantir o bo servicio da instalación; o soterramento de instalación de alumeado público, e a demolición do pavimento actual de formigón, para colocar losetas de granito gris abullardado, seguindo o mesmo criterio que se está utilizando para o resto do núcleo de Celeiro.
Esta obra, cun presuposto de contrata de 101.929,21 euros, é subvencionada polo Fondo de Compensación Ambiental 2020, que financia o importe de 92.317,61 euros, correspondendo á aportación municipal o importe restante, por un total de 9.611,60 euros.