Burela, 19 de setembro de 2020. As Concellerías de Obras e Servizos e de Medio Ambiente do Concello de Burela editaron un Bando, que foi publicado no día de onte no Taboleiro de Anuncios do Concello, no que se insta ás persoas propietarias dos soares vacantes de edificación lindantes coas vías públicas municipais a que procedan, no prazo de seis meses desde a data de publicación deste, a dar cumprimento á obriga establecida na Ordenanza de Limpeza Municipal, relativa ao valado e peche de ditos terreos. Ambas Delegacións advirten que “dito bando, foi obxecto dunha corrección no seu título, que tamén foi obxecto de publicación, e na que se contén o texto definitivo, debidamente rectificado aos efectos de que non xere ningún tipo de confusión na veciñanza”.
Toñi Eijo e Ramiro Rey explican que “a vista de que polos Servizos Técnicos Municipais, estase a comprobar o incumprimento de dita obriga por parte das persoas propietarias dos soares referidos, e mesmo nalgúns casos o incumprimento da súa obriga de mantelos debidamente desbrozados e libres de residuos, con esta actuación o Concello de Burela pretende garantir que ditos terreos se conserven nas debidas condición de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato público, tal é como esixen as normas urbanísticas e medio ambientais”.
Os edís bureleses sinalan que “as referidas persoas propietarias, con carácter previo á execución das obras relativas ao valado e peche dos soares que non estean edificados lindantes coas vías públicas de titularidade municipal, deberán presentar a oportuna comunicación previa ou, no seu caso, obter a preceptiva licenza de obras, e todo elo de acordo coa normativa urbanística de aplicación”.
Rey e Eijo engaden que “unha vez finalizado o prazo establecido no Bando municipal para dar cumprimento á devandita obriga, sen que por parte das persoas propietarias dos soares se procedese á execución do valado e peche ou, no seu caso, sen que nin sequera se presentase a preceptiva comunicación previa ou a obtención da pertinente licenza de obras, procederase a iniciar os oportunos procedementos de orde de execución, e todo elo coa finalidade de obrigar a ditas persoas ao cumprimento do deber establecido na ordenanza municipal de limpeza. Igualmente compre informar ás persoas propietarias dos soares vacantes de edificación lindantes coas vías públicas municipais que, sen prexuízo das infraccións e sancións establecidas na normativa urbanística de aplicación, a Ordenanza de Limpeza do Concello de Burela, tipifica como infracción moi grave o feito de carecer de valado un soar, o que podería dar lugar á imposición dunha sanción en concepto de multa de 1.501 ata 3.000 euros”.
Os concelleiros de Medio Ambiente e Obras sinalan que “compre poñer de manifesto que, aos efectos de dar cumprimento á referida obriga, as persoas interesadas poderán solicitar información ou formular as oportunas consultas ante a Oficina Técnica do Concello de Burela, mediante a presentación do oportuno escrito no rexistro municipal – ou naqueles legalmente habilitados a tal efecto -, ou solicitando cita previa chamando ao 982 586 000, ou na sede electrónica https://burela.sedelectronica.es/citaprevia.6”.