Burela, 26 de setembro de 2020. As Concellerías de Obras e Servizos e Medio Ambiente veñen de publicar un Bando sobre o mantemento, conservación e limpeza de toda clase de terreos sitos no termo municipal de Burela co obxectivo de que se dea cumprimento ao deber legal e inescusable que teñen os seus propietarios. No que vai de ano o Concello iniciou 62 expedientes polo incumprimento desta norma.
Os responsables das áreas de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey, e de Medio Ambiente, Toñi Eijo, manifestaron que “de comprobarse polos servizos do Concello de Burela que non se está cumprindo con dito deber, de forma adecuada e coa periodicidade necesaria, procederase a iniciar os preceptivos procedementos de orde de execución co fin de ditar a oportuna resolución que os obrigue a realizar as obras e os traballos que resulten precisos a tal efecto”.
A concelleira de Medio Ambiente en Burela subliñou que “no presente ano 2020 xa se levan iniciado 62 expedientes con dita finalidade, fronte aos 64 iniciados o pasado ano 2019. Compre advertir tamén que, se ben non existe escusa algunha para que os propietarios dean cumprimento a dito deber de forma voluntaria e nos termos expostos, no eventual suposto de que o Concello de Burela teña que ditar a oportuna orde de resolución por mor do seu incumprimento e a pesares diso tampouco dita orde sexa cumprida, iniciarase o preceptivo procedemento de execución forzosa que, no seu caso, podería determinar que esta administración local executase subsidiariamente os traballos e obras ordenados, procedendo ao cobro destes aos propietarios por vía de constrinximento do seu patrimonio”.
Ramiro Fernández dixo que “sen prexuízo do anterior, informar igualmente que o incumprimento do deber de mantemento, conservación e limpeza de toda clase de terreos sitos no termo municipal de Burela e, no seu caso, da eventual orde de execución que sexa ditada para esixir o seu cumprimento, poderá determinar a imposición ás persoas responsables de tal feito dunha sanción en concepto de multa de 300 a 6.000 euros”.
Ambos concelleiros quixeron aclarar que “o cumprimento da obriga da execución do valado e peche de soares, establecida na Ordenanza de Limpeza do Concello de Burela que foi obxecto do Bando municipal publicado o pasado 18 de setembro no Taboleiro de Anuncios do Concello, non exime en ningún caso aos propietarios de cumprir co seu deber legal de mantemento, conservación e limpeza dos mesmos”.