Madrid, 9 de setembro de 2020. O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu unha moción con medidas para atallar a crise industrial na Galiza. O deputado nacionalista explicou que a crise industrial na Galiza non é conxuntural nin tampouco consecuencia da emerxencia sanitaria xerada pola COVID19. “É unha crise profunda e duradeira que deriva da situación de dependencia política do noso país, Galiza” salientou, facendo fincapé no espolio que padece o país, especialmente no referente ao sector enerxético, e de políticas desacertadas e lesivas -por acción ou por omisión- dos gobernos español e galego.
O último e máis coñecido episodio na crise industrial galega é o anunciado peche da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao, “agora reconvertido, grazas á mobilización dos traballadores e traballadoras e á presión política e sindical, nun proceso de negociación para a venda da planta” apuntou Néstor Rego e lembrou que, ten data de caducidade, o 28 de setembro, exactamente dentro de 20 días.
O BNG considera que a resposta das administracións galegas foi lenta e morna até que as masivas mobilizacións populares na Mariña e a inminencia do desenlace obrigáronas a reaccionar. O BNG lembra que para evitar a catástrofe económica e social que tería en toda a comarca este peche, se a negociación con Liberty House fracasa, o Goberno español deberá estar disposto á intervención pública para a nacionalización da factoría, asegurando así os postos de traballo e o futuro económico do principal motor da Mariña. Néstor Rego volveu recalcar que “nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa, polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas”, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira.
Os nacionalistas ven necesario que esta alternativa sexa contemplada tamén para a antiga Alcoa A Coruña, hoxe AluIbérica, para asegurar o seu futuro se os inversores privados non garanten a continuidade da actividade.
O BNG espera que o Goberno e todas as forzas políticas presentes no Congreso, se sumen ao compromiso de pór todos os medios para salvar a planta de aluminio de San Cibrao, incluída a intervención pública se fose necesaria. “É o que espera o BNG, mais sobre todo, é o que esperan os traballadores e traballadoras e toda a poboación da Mariña” subliñou Néstor Rego.
Outros sectores industriais galegos en crise
O deputado nacionalista durante a súa intervención na moción criticou como os distintos gobernos españois -e tamén o galego de Núñez Feixoo- asistiron impasíbeis nos últimos anos a distintos capítulos desta desoladora historia, provocando coa súa inacción e permisividade fronte aos grandes grupos de poder económico -especialmente no sector enerxético- que agravou unha crise industrial que vai desde Ferroatlántica na Costa da Morte, até os estaleiros de Barreras e Vulcano en Vigo, pasando polas térmicas das Pontes e Meirama, Isowat e a antiga factoría de Alcoa (Alu-Ibérica) na Coruña.
“É necesario pór en marcha solucións que dean estabilidade ao sector e ao conxunto da nosa industria, por iso defendemos, en primeiro lugar, estabelecer unha Tarifa Eléctrica Galega que permita rebaixar o custo da enerxía no noso País tendo en conta que Galiza é produtora excedentaria, que pagou e paga os gravosos custos sociais e ambientais, mais non se beneficia desa condición de país produtor” explicou.
O BNG lembra que o Goberno español debe cumprir xa o seu compromiso -reiteradamente demorado- de aprobar un Estatuto do Consumidor electrointensivo que realmente supoña unha solución para o sector, é dicir, que garanta un prezo estábel, predicíbel e asumíbel.