Viveiro, 19 de setembro, 2020. Xa no pleno de xullo de 2019 o BNG, na quenda de rogos e preguntas, se interesaba polo Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do concello de Viveiro, mais a resposta do Goberno Municipal non foi suficiente para coñecer o estado de tramitación de dito plan. Por este motivo o pasado 25 de agosto, solicitamos de novo coñecer a documentación relacionada co PMPDCI (Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais), ese documento tan urxente e necesario no que se delimitarán as franxas de seguridade das vivendas e estradas do concello fronte as plantacións irracionais de eucalipto e a non limpeza do monte ou parcelas que deriva da lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza, e que foi “ninguneada” durante trece anos.
Todo apunta a que no vindeiro pleno se poderá aprobar inicialmente, para continuar nunha fase posterior de información pública por prazo mínimo de 30 días e posterior resolución, no seu caso, das reclamacións presentadas e aprobación definitiva polo Pleno.
Mais dada a transcendencia de dito documento, dende o BNG instaremos ao Goberno de María Loureiro a:
.Organizar e desenvolver unha Campaña Informativa seria que abarque a todas e cada unha das parroquias do termo municipal viveirense para dar a coñecer a toda a veciñanza e principalmente xs propietarixs e/ou mancomunidades de montes afectadas, o Plan aprobado e as normas que recolle de obrigado cumprimento.
.Por outra banda é imprensindíbel poñer a disposición da veciñanza de Viveiro, nun lugar visíbel da web oficial do Concello, un visor de delimitación da rede secundaria de faixas de xestión da biomasa forestal do concello de Viveiro para poder consultar cales son os terreos e ou parcelas incluídas na rede de faixas e a listaxe completa de especies nas cales, con carácter xeral, non poderà haber eucaliptos, pinos, acacias, toxos, silvas, felgos, etc..
.E por último, instamos ao Goberno Municipal a estudar vías de colaboración coa veciñanza que solicite axuda para a limpeza e retirada das especies prohibidas nas faixas de seguridade delimitadas no Plan Municipal.