Burela, 24 de setembro, 2020. Este xoves ás 20:00 horas nova sesión plenaria no Concello de Burela. O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para a dotación dun patio para a Residencia de Maiores. Trátase dunha praza anexa, situada na Rúa Pardo Bazán, que conta cun parque biosaudable. Según o voceiro do BNG, Mario Pillado “agora mesmo é unha praza pública, de libre acceso para a veciñanza polo que a normativa e o protocolo covid19 impide que sexa utilizada por residentes. A Xunta de Galiza, mediante a consellería de Política Social, quen xestiona este servizo, debe tomar a iniciativa e chegar a un acordo co concello de Burela, no marco das súas relacións institucionais”.
Familiares de resistentes rexistraron esta demanda no concello, contactaron cos nacionalistas e publicaron nos medios esta demanda. “Despois de coñecer de primeira man as demandas dos afectados pareceunos o mais lóxico someter este tema a debate e votación no pleno, para que Xunta e Concello chegue a un acordo. Non precisamos grandes anuncios nin fotos na prensa como fixo o equipo de goberno, que aínda non ten acordo ningún coa consellería” indicou Pillado.
O BNG leva temas de importancia na vila ó pleno ante a falla de iniciativa política do goberno local
Outras das iniciativas que vai defender o grupo municipal do BNG na que da de rogos e preguntas estará a necesidade de facer cumplir a lei de Montes na entrada a Burela dende a Canteira ata a Casilla, a coordinación do Concello con centros de ensino e colectivos ante o comezo do curso e o incerto comezo de actividade nas instalacións deportivas municipais así como os protocolos para o comezo dos cursos do CIM e os demais impartidos polo concello.
Sobre isto e para finalizar o voceiro do BNG Mario Pillado sinalou que “somos conscientes da dificultade que ven asociada a este outono, por iso temos que poñer todos da nosa parte para saír adiante, pero dende o Concello de Burela débese tomar a iniciativa e coordinar para que centros, colectivos e o conxunto da veciñanza teña menos dificultades no seu día a día”.