Burela, 25 de setembro de 2020. Aprobados por unanimidade todos os asuntos debatidos no pleno ordinario celebrado onte en Burela. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “foi unha sesión extraordinario porque miramos todos cos obxectivos claros de beneficiar a Burela en todo canto poidamos”.
O rexedor explicou que “un dos asuntos aprobados foi o convenio coa Xunta de Galicia para delegar a selección, a formación e as prácticas da Policía Local. Non supón ningún gasto para o Concello de Burela porque simplemente é delegar na Academia Galega de Seguridade Pública, que está na Estrada, para que fagan a selección, a formación e as prácticas dos axentes para a Policía Local”.
Llano sinalou: “cremos que é unha vantaxe para o Concello e unha vez que estea o convenio conformado vamos solicitar posiblemente 2 auxiliares para cubrir o antes posible as prazas e contar con 10 policías. A partir de xaneiro imos facer esa solicitude e calculamos que, despois do proceso que dura varios meses, poder contar con esa plantilla de dez membros máis os 2 auxiliares, que mentres non veñan os funcionarios seguirá habendo, como ata agora. Ademais viñéronnos ben estes dous auxiliares durante a pandemia porque nos botaron unha grandísima man”.
O alcalde contou que “tamén aprobamos os festivos locais para o ano que vén, que serán o 16 de febreiro (martes de Antroido) e o 7 de xuño, que é o luns das festas de Burela e agardamos todos que se poidan celebrar como é debido, que non pase como este ano”.
No pleno tamén se acordou nomear como cronista oficial de Burela a Herminia Pernas: “ademais acordamos nomear á cronista oficial e hai que felicitar aos voceiros do grupo popular e do BNG porque colaboraron nesta proposta dos tres grupos para nomear cronista oficial a Herminia Pernas Oroza, que é unha persoa que os tres grupos consideramos que merece este cargo para levar adiante unha serie de iniciativas culturais e históricas que correspondan para facer unha labor de difusión de Burela para promocionar e dar a coñecer o que é o noso concello”.
Llano subliñou: “os tres grupos cremos que merece moito a pena o nomeamento como cronista desta persoa, con quen vamos ter unha entrevista mañá, sábado, os tres portavoces para falar do que vai ser o seu labor”.
E engadiu: “aprobamos todo por unanimidade, incluídas dúas mocións, polo que foi un pleno extraordinario porque miramos todos cos obxectivos claros de beneficiar a Burela en todo canto poidamos”.